A presencia do galego nas redes estos últimos anos viuse impulsada grazas a diversos proxectos, entre eles o de Youtubeiras.gal, que se adica a promover e fortalecer a creación de contidos en galego en Youtube. Este ano celébrase a sexta edición dos premios Youtubeiras, nos que se pode participar creando contido variado en galego.
Que é youtubeiras.gal?
O enderezo na web do proxecto Youtubeiras ten como obxectivo principal fomentar a creación en galego no Youtube con temáticas e formatos diversos. Serve para darlle visibilidade ao proxecto, ás persoas xeradoras de contidos en galego na Rede, ao certame, á formación e aos artigos específicos., entre outras cousas. Pretende ser un lugar de referencia na busca de contido dixital en galego.
Como xurdiu o proxecto?
A partir dunha xuntanza de persoal técnico de normalización lingüística que estaba asistindo a un Curso de verán sobre dinamización lingüística que se realiza de forma habitual en Carballo. O punto de partida foi a detección da falta de contidos en lingua galega en Youtube; ante calquera consulta case sempre había que recorrer a vídeos noutros idiomas.
Quen está detrás dos premios?
É un proxecto colaborativo que está promovido por doce concellos de toda Galicia (A Baña, Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo) a Deputación da Coruña e as tres universidades (UDC, USC e Uvigo). Hai entidades como Ourense que estiveron noutras edicións, pero non nesta. Para participar neste e noutros proxectos colaborativos como Enreguéifate, Apego e o Club de debate entre outros, é imprescindible contar cun servizo de normalización lingüística.
Podédesnos facer un pequeno resumo sobre o funcionamento do certame?
Youtubeiras conta cun certame que reparte nesta edición 7.500 € en premios nas categorías de youtubeiro/a, canle, vídeo, youtubeiro/a revelación, calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. Todos recibirán 1000 € agás o do público que terá unha dotación económica de 500 €. Poden inscribirse a través da páxina youtubeiras.gal todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos publicados a partir do 22 de outubro de 2021. O prazo de inscrición está aberto desde o 27 de setembro ata o 25 de novembro. Despois da resolución do xurado, entregaranse os premios nunha gala na que participarán todas as persoas propostas para os premios e que está aberta ao público en xeral.
Como vedes o futuro do galego nas redes?
Cremos que o proxecto Youtubeiras axudou a incrementar o uso do galego en Youtube e noutras redes sociais e que neste momento xa hai unha comunidade youtubeira importante que conta cunha audiencia significativa. Incluso, se pode obter diñeiro cunha conta en galego ou conseguir novas oportunidades de traballo, mais aínda queda moito por avanzar.
Que saúde ten a nosa lingua online?
Cada vez hai máis persoas que usan o galego para navegar pola Rede. A lingua galega xa aparece en webs, textos, voz, información, navegadores, contas de correo, redes sociais, buscas, contidos… É importante que este uso continúe aumentando para que as plataformas recoñezan o noso idioma en igualdade de dereitos con outras linguas.
Hai unha boa canteira de creadoras en galego?
O proxecto Youtubeiras proba que si hai canteira e para mostra toda a comunidade youtubeira que está recollida en youtubeiras.gal. Hai moitas persoas creadoras que teñen canles con moita repercusión na Rede e con moitas seguidoras.
Por outra banda, por que escollestes un .gal para a vosa web youtubeiras.gal? Que vos ofrece o dominio .GAL?
Escollemos un dominio punto gal porque nos sitúa no mundo virtual; un proxecto de normalización lingüística como Youtubeiras debe aproveitar este tipo de recursos para normalizar tamén os dominios propios.