A acción pon en valor habilidades inequivocamente galegas
PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, lanza hoxe a campaña Tremendo dominio, na que se lle da o protagonismo a habilidades inequivocamente galegas, ligadas ao presente e ao futuro mediante o .gal. A acción, desenvolvida pola axencia Lapera (lapera.gal), encádrase dentro da programación deseñada por PuntoGal para conmemorar estes primeiros dez anos de andadura e para dar a coñecer a súa nova imaxe de marca. A través de vídeos e fotografía, búscase personificar o dominio que representan as figuras protagonistas –un polbeiro, unha redeira e unha pandereteira– co .gal.
O director de Lapera, Miguel Rego, sinala que “a idea de campaña traballa cun concepto tan sinxelo como eficaz. Démoslle o protagonismo a certas habilidades inequívocamente galegas. Personas que controlan moito o que fan, que sorprenden polo dominio que teñen das súas habilidades. Por iso acudimos ó polbeiro que domina o corte das talladas de polbo e serve racións en segundos; á redeira que domina as redes case sen mirar para elas ou á pandereteira que domina os dedos mentres baten na pel da pandeireta”.
A campaña poderá verse en redes sociais, medios de comunicación dixitais e en carteis publicitarios. Contará con dúas oleadas para acompañar á celebración do décimo aniversario, que terá o seu punto central no Culturgal de Pontevedra coa celebración de dous concertos e distintas actividades paralelas.
A acción de promoción do aniversario terá continuidade cun paquete de ofertas especiais para facerse cun dominio galego. A primeira delas permite comprar un .gal para dous anos por tan só dez euros máis IVE entre o 27 de novembro de 2024 e o 3 de xaneiro de 2025. A segunda está dirixida especificamente ás entidades sen ánimo de lucro que, a partir de agora, teñen a opción de optar a un dominio a prezos moi reducidos, xunto con outras vantaxes engadidas que xa se poden consultar na páxina asociacions.dominio.gal.