Vigo, 18 de marzo de 2024·PuntoGalcelebrará o 11 de abril ás 11:00 horas unha xornada informativa e de concienciación sobre a UA (Universal Acceptance ou Aceptación universal), dentro do programa mundial da ICANN (Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números) para ampliar as facilidades de acceso á rede a toda a poboación, sen distinción de lingua ousistema de escritura. O UADay celébrase con máis de 50 actos en todo o mundo. O listado completo pode consultarse aquí: universalacceptance.day
A Aceptación universal é un concepto que se refire á capacidade de sistemas informáticos, aplicacións e plataformas en liña de recoñecer e tratar adecuadamente calquera tipo de información ou contido, independentemente da súa orixe, formato ou idioma. En termos prácticos, implica que as tecnoloxías deberían ser deseñadas e implementadas de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas. A UA resulta fundamental para asegurar a accesibilidade e a equidade dixital, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital.
No evento participarán Rebeca Pilar Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo;Camilo Regueiro, vicepresidentede PuntoGal; Edita de Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo; e Javier Fernández Fraga, do Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia. A xornada contará, igualmente, coa intervención de Andrea Becalli, de ICANN, o organismo que promove o UADay en todo o mundo.
A xornada terá lugar o xoves 11 de abril na Sala de Xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (Rúa Maxwell, 16, 36310 Vigo), ás 11 da mañá. Terá formato híbrido, de xeito que se poderá asistir tamén de xeito remoto. En calquera caso, será preciso inscribirse na seguinte ligazón: i.gal/ua24.
Sobre a Aceptación universal, Javier Fernández Fraga, do COET, afirma que “internet ofrece unha oportunidade única para unir a xente de diferentes partes do mundo e compartir ideas e experiencias, pero para facelo construtivo e enriquecedor, é fundamental promover unha interoperatividade de sistemas que fomente un entorno en liña inclusivo. A través da aceptación universal, creamos unha comunidade onde todas as voces son valoradas en igualdade. A nós, como enxeñeiros, correspóndenos facilitalo”.
Pola súa parte, Edita de Lorenzo comenta que “se as telecomunicacións teñen sentido e por e para a interacción entre persoas, polo que é esencial promover o respecto á diversidade de opinións, culturas e identidades. No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, transmitimos estes valores a diario, e a aceptación universal é un xeito de aplicalos no traballo. Ademais, isto será unha vantaxe competitiva para os produtos e solucións desenvoltos polas enxeñeiras e enxeñeiros titulados nun mercado cada vez máis globalizado.”
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinala que a celebración deste evento “é un paso máis no compromiso do dominio cunha rede aberta a todas as culturas e linguas e co posicionamento do dominio como un actor de referencia no ámbito TIC en Galicia”. Xunto con outras iniciativas, como as colaboracións coa GlobalCyberAlliance, as WomenforCyber ou o nodo de ciberseguridade galego ciber.gal, o dominio galego “exerce un papel relevante como parte da infraestrutura da rede, sen esquecer o apoio a proxectos no ámbito do seu programa corporativo”, conclúe.
Sobre a UA, desde ICANN apuntan que “asegura que todas as persoas teñan a capacidade de navegar e comunicarse na Internet usando o nome de dominio e o enderezo de correo electrónico que mellor se axusten aos seus intereses, negocio, cultura, lingua e grafía. Estar preparado para UA axudará a conectar aos próximos millóns de persoas á rede. Moitas delas actualmente atopan barreiras lingüísticas na Internet.” Do mesmo xeito, “cando as organizacións e empresas están preparadas para UA, están a prepararse para o éxito futuro e o crecemento comercial potencial ao apoiar as identidades elixidas polos seus clientes. Os sitios web, aplicacións e servizos preparados para UA conducen a mellores experiencias de usuario e permiten unha maior competencia, innovación e elección do consumidor.”
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai máis de 7.000 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre AETG-COETG
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi constituída co obxecto social de velar polo prestixio dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar e estreitar os lazos de unión e compañeirismo entre estes, contribuír ao desenvolvemento e progreso da comunidade autónoma de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional e á súa integración nos mercados de traballo e a organización e concurrencia a congresos nacionais e internacionais.
Sobre a Escola de Enxeñería de Telecomunicación
Os estudos de Enxeñaría de Telecomunicación en Galicia nacen en 1985 coa creación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros (ETSE) de Telecomunicación no campus de Vigo, Na actualidade ofértanse dous graos habilitantes para a profesión de Enxeñeiro/a Técnica de Telecomunicacións (un impartido en galego/castelán e outro en inglés) con catro mencións ou especializacións: telemática, son e imaxe, sistemas de telecomunicación e electrónica e tamén o Mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación para o exercicio da profesión de Enxeñeira/o de Telecomunicación. Ademais, impártense de xeito interuniversitario os mestrados en Ciberseguridade (MUniCS), en Matemática Industrial (M2I), en Visión por Computador e o de Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (MQIST). Máis información en www.teleco.gal
Sobre ICANN
ICANN é o acrónimo de Internet Corporation for AssignedNamesandNumbers. A ICANN é unha entidade sen fins lucrativos, multilateral, que organiza a concesión de dominios e de enderezos IP no mundo. ICANN dedícase a preservar a estabilidade de Internet por medio de procesos basados no consenso.