Hoxe falamos con Xosé Luis Reza, do Clúster da Comunicación, o espazo común da cadea de valor de comunicación no noso país de publicidade, a historia do clúster e o valor dos socios estratéxicos.
Pregunta: Quen sodes e que facedes?
Resposta: Somos o Clúster da Comunicación de Galicia, a casa común da cadea de valor da comunicación de Galicia: impresión, deseño, publicidade, dixital, eventos, márketing, comunicación…
P: Pódesnos facer un pequeno resumo da vosa historia e dos vosos principais traballos ou actividades neste tempo?
R: Este Clúster é a evolución do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego que, en base á verticalizar e sumar á cadea de valor da comunicación foi, dende hai 5 anos, capaces de xerar un espazo de traballo colaborativo que busca fundamentalmente coñecer e recoñecer aos diferentes profesionais e empresas que desenvolven o seu traballo dende Galicia para o mundo. Para iso fundamentalmente desenvolvemos iniciativas que sirvan para iso: revista Rúbrica, premios Paraugas, Flúor, Afterworks de Marketing e Comunicación, Beerfing, Por Vir, Foro de Comunicación de Galicia…
P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?
R: Por unha banda, seguir creando novos espazos de coñecemento e networkting (este verán teremos o primeiro Galicia Design Week), e pola outra crear unha proposta de valor conxunta e saír a vender xuntos aos mercados máis cercanos: Madrid e Porto.
P: Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?
R: A nosa web é clustercomunicacion.gal. Elixímolo porque é descritivo do que somos e o .gal precisamente nos ubica inmediatamente. Somos de Galicia e iso marca todo o que facemos. A marca Galicia ten que sumar e, pouco a pouco, ser un selo distitintivo de calidade e profesionalidade nos nosos sectores.
P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal? (Tanto online coma offline).
R: Cercanía, complicidade, comprensión… para nós traballar con .gal é o lóxico. Ser diferente é a base sobre a que crear unha proposta de valor única no mercado e o idioma, o .gal… son ferramentas necesarias para crear ese posicionamento gañador.
P: Calquera outra cousa que vos interese comentar.
O equipo de .gal está sempre ao noso carón. Un socio estratéxico co que se pode contar sempre, e que, dun xeito ou doutro, nos axuda no noso cometido. É un pracer traballar con eles.