Nesta ocasión falamos cunha entidade de Cambados, fundada en 1998, por iniciativa dun grupo de persoas relacionadas co deporte e a cultura marítima que loitan pola preservación do legado marítimo do seu pobo.
Pregunta: De onde xurdiu a idea da iniciativa do Clube Maríño Salnés? Cal é a súa orixe?
Resposta: O CMS constituíuse formalmente no ano 1998 por iniciativa dun grupo de persoas de Cambados relacionadas co deporte e a cultura marítima. A pretensión inicial era ofrecer á sociedade cambadesa unha nova modalidade cultural e deportiva inexistente até ese momento na vila.
No ano 1999 a entidade presentouse formalmente organizando a exposición «Barcos e Dornas», que se celebrou no salón de plenos do concello de Cambados do 2 ao 12 de abril. A exposición reunía creacións artísticas asociadas co mar e a cultura marítima: pintura, fotografía, maquetas navais e mesmo un recital de poesía do mar con autores integrantes de colectivos como o Batallón Literario de Fisterra ou Sete Naos. A colaboración con outras manifestacións artísticas e culturais será un dos sinais de identidade da asociación dende a súa constitución.
Ese mesmo ano organizamos a I Escola de Vela Tradicional para formar navegantes. A partir dese momento, o CMS se asentou como un referente na conservación de embarcacións tradicionais e a organización de eventos de divulgación da cultura marítima.
Durante todos estes anos, o CMS non deixou de organizar exposicións, regatas de dornas, cursos de navegación, obradoiros de cultura marítima ou xuntanzas de embarcacións tradicionais. E no 2005, acadou o respaldo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial para albergar na vila cambadesa o VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, Cambados 2005.
P: Cal é a intención da vosa iniciativa e onde queredes chegar?
R: A intención do CMS ven determinada nos seus obxectivos fundacionais recollidos nos estatutos da entidade:
- Divulgación da cultura marítima.
- Promoción e protección do patrimonio marítimo material e inmaterial
- Conservación e mantemento das distintas tipoloxías de embarcacións tradicionais galegas.
- Fomentar as actividades de lecer arredor da cultura marítima, en especial a navegación en embarcación tradicionais.
- Promover, organizar e participar en actividades deportivas e culturais que teñan como referente a cultura marítima: regatas, encontros, xuntanzas, mariñas, etc.
O CMS, logo destes 25 anos de existencia, xa é unha entidade consolidada tanto na vila como no conxunto de Galicia no referente á cultura e o patrimonio marítimo. Se ben, o noso futuro esta orientado á consecución dos seguintes obxectivos:
- Permanencia da ESCOLA DE VELA TRADICIONAL DE CAMBADOS.
- Consecución da MARIÑA TRADICIONAL PORTO DE CAMBADOS: instalacións no mar (pantalán de amarre para a flota tradicional) e en terra (nave-obradoiro).
- Continuidade na organización da Regata de dornas do Albariño así como a Xuntanza de EETT- Memorial Tito Silva.
- Construción dunha réplica da tipoloxía GAMELA DE CAMBADOS
- Aumentar a masa social da entidade e a penetración social
P: Quen está detrás do clube?
R: Nº de socios actuais: 52
Socio de honra: Lino Silva (pintor)
A configuración do CMS esta definida por unha diversidade de persoas tanto en idade, procedencia, sexo ou pensamento político. Neste senso, o CMS se rexe polos principios de igualdade, participación, tolerancia, e respecto.
P: Por que usades e que vos aporta o dominio .gal?
R: Para o CMS , cms.gal, é tan importante o patrimonio material coma inmaterial. Nese senso, procuramos a conservación das embarcación tradicionais como elementos representativos do patrimonio cultural marítimo galego, pero tamén a conservación e divulgación do patrimonio inmaterial asociado ás embarcacións tradicionais e a cultura marítima en xeral.
Así, os coñecementos e o saber facer dos carpinteiros de ribeira, a configuración arquitectónica dos barrios mariñeiros ou a toponimia local asociada a elementos naturais ou xeográficos da costa e o litoral, son obxecto principal da nosa entidade. Para nós, o idioma galego é a canle de comunicación de cotío xa que non podemos entender a cultura marítima galega sen o idioma asociado á mesma. A abondosa nomenclatura das embarcacións tradicionais ou as expresión mariñeiras, forman parte dese vocabulario do mar que consideramos parte inseparable da nosa actividade como entidade de conservación da cultura e o patrimonio marítimo galego.
En consecuencia con estes principios, apoiamos as canles de comunicación que empregan o galego como idioma de referencia así como aqueles espazos que teñen a cultura galega como referente das súas actuacións.
Se queredes ter máis información sobre as actividades que desenvolveron dende a súa creación podedes consultar aquí.