PuntoGal, a xestora do dominio identificador de Galicia na rede, publica unha guía para dar a coñecer a importancia da Aceptación Universal –Universal Acceptance, UA, en inglés, un concepto esencial para garantir unha internet accesible e inclusiva en calquera idioma.
A UA é o principio polo que todos os nomes de dominios e correos electrónicos na rede deben ser recoñecidos e empregados correctamente, independentemente do seu idioma ou lonxitude, e funcionar sen restricións nas distintas aplicacións e dispositivos. Para o caso do galego, falta de aplicación da UA pode implicar un mal funcionamento de dominios e enderezos nesta lingua, como os acabados en .gal.
Coincidindo coa celebración, o vindeiro venres 28 de marzo, do Día Mundial da UA, PuntoGal alíase coa ICANN, a entidade que coordina de forma internacional o sistema de nomes de dominio e asigna as direccións IP de internet, para dar visibilidade á importancia da Universal Acceptance, á que se dedica este material divulgativo e que será tamén o eixe central da xornada que se celebrará o propio día 28 no salón de graos da facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, situada no Campus de Elviña da UDC, que ambas as dúas entidades organizan coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e mais do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación.