M

Rexistro

Promocions

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

i.gal

velaqui.gal

DGI

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Dominio

PuntoGal

Rexistro

Promocións

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

Consellos

i.gal

velaqui.gal

07/04/21
Xarda, xornalismo audiovisual desde Galicia

Hoxe falamos con xarda.gal, dúas xornalistas que traballan no audiovisual.

Pregunta: Quen sodes e que facedes?

Resposta: Somos Xarda, que basicamente somos dúas persoas, Elena Martín e Pablo Santiago, que levabamos un tempo traballando no audiovisual, en medios de comunicación e no xornalismo alternativo. Viamos que as cousas no sector eran moi complicadas, con moita precariedade, que se valora en xeral moi pouco o traballo, e que hai moitas dificultades para levar a cabo proxectos xornalísticos, entón decidimos facer nós algo desde onde darlle forma ás ideas que tiñamos. E así empezou.

P: Podesnos contar un pouco da historia e dos vosos principais traballos?

R: Pois traballabamos sobre todo con O Salto Galiza e Nós Televisión, e con eles fixemos varias series de vídeos, coma os Sotaques sobre lingua galega, os Fóra sobre turistificación e os Retrincos, que eran entrevistas pausadiñas. Iso era o que faciamos entre as dúas, despois individualmente tamén escribíamos e traballabamos noutros sitios, e aínda o seguimos facendo pero xa como Xarda. Levamos un ano deste xeito, porque empezamos coa pandemia, e a verdade é que foi mellor do agardado e tivemos tempo para consolidar o que viñamos facendo e facer tamén algunhas cousas novas, como varios documentais que sairán en breve e o Lugar De, que é unha serie de reportaxes sobre iniciativas no rural galego. Para ser o primeiro ano, estamos moi contentas. Podedes atopar todo na web xarda.gal ou no Youtube.

P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?

R: Seguimos coa mesma idea que ao principio, que é poder seguir vivindo de facer xornalismo crítico, en galego e en formato audiovisual. Mentres poidamos facer iso, que xa é moito porque case ninguén pode facelo, estaremos contentas. E non é sinxelo porque o sector está moi precarizado e os medios e colectivos que comparten a nosa visión das cousas normalmente non teñen a capacidade económica de apostar por facer contidos ou crear produtos culturais, porque non teñen ningún tipo de retorno no curto prazo. O apoio que hai ven case sempre das administracións, con subvencións, pero é un xeito de traballar no que te tes que axustar a unhas bases, a unhas convocatorias, e ao fin e ao cabo, non tes unha capacidade de decisión total. Entón, nós agora buscamos estabilizarnos e poder seguir facendo o que facemos e ao mesmo tempo, ampliar a rede de colectivos cos que colaboramos e tratando temas que nos importan.

P: Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?

R: A nosa web é xarda.gal e chamámonos Xarda porque nos soaba ben, porque son moi bonitas esteticamente e porque se nos vai mal co xornalismo, sempre poderemos abrir unha tenda de conxelados. Isto é broma, en principio. O do dominio .gal é unha maneira de amosar o compromiso que temos co noso país, e de normalizar algo tan simple como que somos galegas e que nos gusta selo e dicilo. Non por unha cuestión de orgullo esencialista nin nada diso, se non porque é preciso que a xente que fai traballo para o público amose con normalidade que a lingua está para usala. Por sorte, no xornalismo alternativo e na creación cultural galega o galego é moi maioritario, e iso está ben, pero tamén hai que normalizalo desde abaixo. Nese sentido, visibilizar un dominio galego con normalidade é un pasiño máis.

P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal?

R: Tanto o nome coma o dominio xa din algo claro, que é de onde vimos. Os temas que tratamos sempre son sobre Galicia e en galego, entón non tería sentido ter un .es ou un .com. Tamén pode ser que se teza rede entre as diferentes organizacións que empregan o .gal, do mesmo xeito que hai redes entre cooperativas ou organizacións polo cambio social.

 

Compartir

Compartir