Artigo publicado por Henrique Neira en Código Cero
Como xa contamos nestas páxinas, en febreiro de 2018 cumpríanse 25 anos desde que a sede compostelá do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) se conectara por primeira vez coa rede de redes, Internet, abrindo deste xeito o acceso a un novo mundo inexplorado.
Pero en 1993 a reducida comunidade galega de internautas –daquela chamábase así ás persoas que navegaban con frecuencia pola rede– para poder ver páxinas web debía empregar navegadores en inglés coma o Mosaic. En 1994 chegaría o lanzamento mundial do navegador Netscape Navigator e en 1995 o do Internet Explorer e con eles comezaron a aumentar o número de linguas nas que estas aplicacións estaban dispoñibles.
En terras galegas, conforme aumentaba o uso de Internet nas universidades pero tamén no ámbito doméstico a través da popularización de canles de acceso coma Infovía de Telefónica, medrou a comunidade de persoas interesadas en que a lingua galega tamén se empregara con normalidade no software, especialmente nos sistemas operativos e nas aplicacións con maior uso -tamén nas relacionadas coa rede de redes-. Hai que lembrar por exemplo o papel de entidades coma As Ciberirmandades da Fala, que desde 1996 promovía o emprego do galego no software e nas webs, ou o que xogarán nos anos seguintes entidades como o Proxecto Trasno, Galego21.net ou Mancomún.
O crecente interese por aumentar a presenza da lingua galega nas aplicacións na década dos 90 levou á posta en marcha do Proxecto Xis, que tiña como lema “Cando o galego chega ao software”. O primeiro produto foi o navegador Xis, do que o portal Vieiros.com dicía o 16 de outubro de 1998:
“A partir de hoxe xa é posible navegar por Internet na nosa lingua. Para facelo só hai que descargar a versión Beta 1 do Navegador Xis, traducción galega do Netscape Communicator 4.04, que só está operativa para Windows 95, 98 e NT. Foi desenvolvido por un grupo de informáticos e filólogos do Proxecto Xis, logo de que Netscape fixese público o código fonte do seu navegador. Para quen desexe baixar o Xis, as instruccións de como facelo están na súa web”.
Xa que logo esta era unha versión de proba, para persoas que quixeran experimentar o seu funcionamento e avisar de erros ou suxerir posibles melloras. Logo de varios meses de revisións, correccións e perfeccionamento do software, finalmente o 14 de abril de 1999 presentábase o Xis na sede do Clube Internacional de Prensa, en Santiago de Compostela, nun acto pensado para dalo a coñecer a través dos medios de comunicación.
A web do CESGA recolle un resumo da noticia deste xeito: “O Xis é a versión en galego do Netscape Communicator 4.03, que inclúe un navegador, un xestor de correo electrónico e de grupos de novas, ademais dun editor de linguaxe ‘html’. A súa realización é froito do traballo dun grupo de internautas agrupados no Proxecto Xis, que traduciron o Communicator logo de que Netscape abrise o código fonte no coñecido proxecto Mozilla. No acto de presentación participaron o coordenador xeral do proxecto, Camilo Regueiro, o responsable da área lingüística, Ramón Flores, o editor de Vieiros, Lois Rodríguez, e o xornalista de ‘O Correo Galego’, Darío Janeiro”.
Destes catro nomes, cabezas visibles nesa xornada dun numeroso grupo de persoas voluntarias, imos quedar con dous: o de Camilo Regueiro, que fora un dos impulsores das Ciberirmandades da Fala, e o do xornalista Darío Janeiro. Os dous participarán anos despois, xunto con moitas outras persoas, na directiva da Asociación Puntogal, que tras meses de preparación previa do proxecto, iniciou o proceso de solicitude dun dominio de Internet para as webs vencelladas coa lingua e a cultura galegas coa súa constitución formal o 10 de xuño de 2006.
O dominio .gal comezou a empregarse en fase de probas o 12 de abril de 2014, é dicir quince anos despois da presentación do navegador Xis. Así, neste abril de 2019 temos dobre celebración: vinte anos da estrea pública do Xis e cinco da posta en marcha da fase de probas do dominio .gal.