PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, vén de unirse á Nonprofit Cyber, a coalición internacional de organizacións sen ánimo de lucro unidas para mellorar a ciberseguridade. Nonprofit Cyber celebra o seu terceiro aniversario con esta incorporación e outras dúas máis, sumando 49 entidades que comparten e desenvolven boas prácticas, ferramentas e estándares para facer da internet un lugar máis seguro. O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, apuntou que a seguridade “é un dos valores fundamentais do dominio”. “Desde a súa posta en marcha, mantemos unha política activa neste ámbito, formando parte de entidades como Nonprofit Cyber, coas que compartimos ferramentas e controis que reforzan a necesaria confianza que se debe esperar dun dominio”, engadiu. “A colaboración alimenta a nosa misión e estes novos membros reforzan o noso compromiso de protexer, educar e fortalecer as comunidades en todo o mundo”, explicou Tom Brennan, membro do Comité Executivo Cibernético sobre a incorporación de PuntoGal.
Dentro do ámbito da ciberseguridade, PuntoGal xa forma parte da Global Cyber Alliance (GCA), creada no 2015, cuxo obxectivo é afrontar os riscos cibernéticos e coa que traballa no intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia, e tamén na divulgación de caixas de ferramentas creadas para colectivos como o xornalístico, as PeMEse e as ONGs. Ademais, a entidade tamén asinou un convenio co Spanish Chapter de Women4Cyber, unha organización de ámbito europeo que busca aumentar a inclusión e a perspectiva de xénero nos traballos relacionados coa seguridade cibernética, coa que organizou eventos en Galicia para amosar a necesidade de que a tecnoloxía mude cara a aspectos máis inclusivos, feministas e de diversidade.