Onte, 24 de marzo, o Grupo dos GeoTlds mantivo unha xuntanza xeral do grupo dentro do marco da 70 ICANN Meeting, reunión anual das empresas que forman parte da internet mundial. PuntoGal forma parte deste grupo que promociona as identidades locais dentro da rede.
Dentro da reunión abordáronse temas relacionados coa xestión do grupo, así como as diferentes actividades desenvolvidas durante o ano 2020, que foron menores debido a crise mundial causada pola pandemia da Covid-19.
PuntoGal presentou a nova web do Grupo dos GeoTlds, geotld.group. Unha renovación cara unha interface máis moderna, onde todos os membros do grupo teñen máis presenza e na que se poden consultar as súas recentes actividades como grupo e como rexistros. Nela pódese atopar un vídeo corporativo, que presenta ao grupo e que foi personalizado por varios dos membros.
Coa produción desta páxina en Galicia, PuntoGal cumpriu cun dos obxectivos de ser interlocutores en temas de Internet e introducir o tecido produtivo galego entre as adxudicatarias da ICANN.
A reunión contou ademais coa presenza da delegada da ICANN, Elena Plexida, que presentou as novas directivas europeas en termos de seguranza da Internet.