Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026 · PuntoGal recibiu o Premio CIBER.gal 2026 á mellor iniciativa para a cidadanía polo seu proxecto de caixas de ferramentas para mellorar a seguridade dixital de persoas e organizacións. O presidente da entidade, Manuel González González, foi o encargado de recoller o galardón este mércores, 4 de novembro, ás 13:45 horas, no edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, no marco do VI Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.
O premio recoñece o proxecto desenvolvido por PuntoGal desde 2022 para achegar á sociedade recursos prácticos e gratuítos que permitan mellorar a protección na rede e adoptar hábitos dixitais máis seguros. A iniciativa materialízase en catro caixas de ferramentas dirixidas a pequenas e medianas empresas, xornalistas, organizacións non gobernamentais e cidadanía en xeral.
O presidente de PuntoGal, Manuel González González, destacou a importancia da colaboración entre entidades para avanzar cara a unha Internet máis segura e accesible:
“Este premio é un recoñecemento ao traballo que PuntoGal vén desenvolvendo no ámbito da ciberseguridade e ao noso compromiso con CIBER.gal e co fortalecemento do ecosistema galego neste campo. Desde PuntoGal entendemos que a seguridade dixital é unha responsabilidade compartida e que debemos contribuír a achegar coñecemento e ferramentas útiles ao conxunto da sociedade.Neste proxecto é fundamental o papel da Global Cyber Alliance, que desenvolveu as caixas de ferramentas orixinais e que nos permite adaptar e localizar estes recursos para poñelos ao alcance de pemes, xornalistas, organizacións sociais e cidadanía en xeral. A colaboración con GCA e cos colexios profesionais que participan na iniciativa permítenos ofrecer materiais gratuítos, prácticos e actualizados. É unha forma concreta de trasladar a ciberseguridade á vida cotiá e de facer que ninguén quede atrás na protección dos seus datos e comunicacións”.
Catro caixas de ferramentas publicadas entre 2022 e 2026
O proxecto comezou no outono de 2022 coa publicación da primeira caixa de ferramentas, dirixida ás pequenas e medianas empresas. En abril de 2023 presentouse a adaptación para profesionais da comunicación, especialmente xornalistas, e posteriormente incorporouse unha terceira colección de recursos para organizacións non gobernamentais.
A principios de 2026, PuntoGal completou esta serie coa publicación dunha caixa de ferramentas específica para a cidadanía en xeral, ampliando así o alcance da iniciativa a todas as persoas usuarias da rede.
As catro caixas son adaptacións dos recursos desenvolvidos pola Global Cyber Alliance (GCA), unha organización internacional dedicada a reducir os riscos cibernéticos. PuntoGal encárgase da súa localización e adaptación ao contexto galego, así como da actualización dos contidos cando se producen cambios nas ferramentas recomendadas.
Cada caixa agrupa solucións e recursos gratuítos organizados por ámbitos de actuación. Entre outros aspectos, permiten reforzar a seguridade das redes e das contas de correo electrónico, protexer os medios de pagamento, manter a confidencialidade das comunicacións e mellorar a protección dos datos.
O obxectivo é ofrecer información accesible e solucións concretas que faciliten a prevención de riscos dixitais, independentemente dos coñecementos técnicos das persoas usuarias.
Un proxecto colaborativo para unha Internet máis segura
A iniciativa conta coa colaboración da Global Cyber Alliance, así como do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidades que contribúen a ampliar o alcance e a especialización dos recursos.
As catro caixas de ferramentas están dispoñibles de maneira gratuíta no sitio web de PuntoGal, en dominio.gal/ciberseguridade.
Con este recoñecemento, PuntoGal ve avaliado o seu compromiso coa promoción dunha Internet máis segura, accesible e inclusiva, e coa transferencia de coñecemento e recursos útiles para que persoas, empresas e entidades poidan desenvolverse no ámbito dixital con maiores garantías.
O premio reforza tamén a liña de traballo da entidade en materia de ciberseguridade e a súa colaboración con organizacións galegas e internacionais para achegar solucións prácticas aos retos da sociedade dixital.
Ademáis de PuntoGal foron premiados a Cátedra R en Ciberseguridade no ámbito empresarial e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia en Proxectos de innovación e investigación en ciberseguridade.


