PuntoGal, entidade que xestiona o dominio galego .gal, pechou onte a celebración do seu décimo aniversario na décimo sexta edición do Culturgal, que se celebrou a fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra. Centos de visitantes, dos case 13.000 que rexistrou o evento, pasaron polo stand informativo e participaron no amplo abano de actividades organizadas pola entidade durante as tres xornadas. “A celebración do 10 aniversario no Culturgal permitiunos constatar que fondo calou no mundo da cultura a importancia de contar cun dominio propio para lle dar visibilidade á nosa identidade”, explicou o presidente de PuntoGal, Manuel González. Obradoiros para a cativada coa Lego League, concertos, ilustración e unha xornada sobre a rede e os contidos en galego encheron o programa ao que, engadiu González, “os asistentes responderon masivamente porque o identificaron coa creatividade, coa innovación, co futuro, en fin, coa modernidad”.
O stand central, en colaboración con Gadis, acolleu a numerosos visitantes para recibir información sobre o acceso ao dominio e sobre cada un dos proxectos aos que presta apoio o rexistro, que van desde o Museo do Videoxogo de Galicia ata o Museo do Pobo Galego, pasando polas feiras de autoedición ou os certames literarios coa Real Academia Galega, entre outros moitos. Ademais, PuntoGal organizou os concertos de Caamaño&Ameixeiras e da banda Pava; da man de Autobán, o combate de debuxantes e co estudantado do Grao de Xestión Cultural da Universidade de Santiago, a gravación do podcast O Faiado. Onte domingo, celebrou unha mesa redonda baixo o título ‘Google e o desafío dos contidos en galego’ con distintas voces expertas.
Dentro das accións polo décimo aniversario que se celebra neste 2024, PuntoGal lanzou unha oferta especial, que se manterá ata o vindeiro 3 de xaneiro, mediante a que se pode obter un .gal para dous anos por tan só dez euros máis IVE. A maiores, a xestora do dominio ten activa unha segunda liña, dirixida especificamente ás entidades sen ánimo de lucro que teñen a opción de optar a un dominio a prezos moi reducidos, xunto con outras vantaxes engadidas, que poden consultar na páxina asociacions.dominio.gal.