26 de maio de 2020 I Os presidentes da Asociación PuntoGal, Manuel González González e de Markea, a Asociación Galega de Marketing, Xosé Luis Reza, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal Markea se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios de Markea poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático, dada a situación de confinamento provocada pola crise do Covid-19.

PuntoGal e Markea

PuntoGal, que supera os cinco mil dominios rexistrados, vai continuar a promover convenios coma este, “que axudan a implantar unha ferramenta de marca tan importante na rede entre os profesionais que asesoran a centos de empresas galegas á hora de darse a coñecer ao público”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.Para Janeiro “a identidade na rede, para moitas empresas, non se pode concebir nun espazo virtual, senón vinculada a un territorio que lles da forma, carácter e personalidade”.

Pola súa banda, Xosé Luis Reza quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “permitirá ás nosas empresas asinar os seus sites diferenciándose da concorrencia, o que é o principio básico da nosa función. Máxime no momento que estamos a vivir onde a orixe se está a converter nun elemento moi relevante na decisión de compra dos usuarios”.

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados de Markea poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.