Logotipo PuntoGal
Logotipo PuntoGal
M

Rexistro

Promocions

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Asociaciones

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

i.gal

velaqui.gal

DGI

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Dominio

PuntoGal

Rexistro

Promocións

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Asociacións

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

Consellos

i.gal

velaqui.gal

10/10/24
PuntoGal celebra o seu décimo aniversario con música, prezos especiais e unha nova imaxe de marca

O dominio, con case 7.200 rexistros activos, estrea unha páxina con condicións especiais para entidades sen ánimo de lucro e venderá durante un mes os .gal a 10 euros por dous anos

Culturgal acollerá os concertos de Caamaño& Ameixeiras e o proxecto Pava de Lucía Aldao como parte desta celebración. A feira, que terá lugar en Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, incluirá outras actividades organizadas polo dominio, como un combate de debuxantes, talleres de Lego ou unha xornada sobre os retos da rede en Galicia

 

PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, cumpre este ano o seu décimo aniversario e, para celebralo, impulsa unha serie de actividades de visibilización e promoción da cultura e a tecnoloxía galegas, ademais dunha oferta especial mediante a que se pode obter un .gal para dous anos por tan só dez euros máis IVE. Unha década despois da aprobación da candidatura galega e a posta en marcha da primeira web baixo o paraugas do .gal, o rexistro conta con case 7.200 dominios e unha taxa de renovación próxima ao 90%. O dominio visibilizará este aniversario cunha campaña para compartir coa cidadanía a consolidación dun proxecto vertebrador e comprometido co país.

 

Caamaño& Ameixeiras e o proxecto Pava de Lucía Aldao poñeranlle a música a esta celebración cun festival que terá lugar o sábado, 30 de novembro, en Pontevedra no marco do Culturgal. O dominio elaborou un programa de actividades baixo o lema PuntoGal presenta que inclúe un combate de debuxantes en colaboración con Autobán, talleres de Lego para os máis novos en colaboración coa FIRSTLego League ou unha xornada profesional na que se abordarán os retos da rede para Galicia, especialmente no que se refire á supervivencia do idioma fronte ao dominio das grandes multinacionais tecnolóxicas. A presenza de PuntoGal completarase cun stand central na feira, no que se fornecerá información sobre os proxectos aos que presta apoio o rexistro, que inclúen desde o Museo do Videoxogo de Galicia ata o Museo do Pobo Galego, pasando polas feiras de autoedición ou os certames literarios coa Real Academia Galega.

 

A conmemoración inclúe dúas ofertas especiais para facerse dun dominio galego. A primeira delas permite comprar un .gal para dous anos por tan só dez euros máis IVE entre o 27 de novembro de 2024 e o 3 de xaneiro de 2025. A segunda está dirixida especificamente ás entidades sen ánimo de lucro que, a partir de agora, teñen a opción de optar a un dominio a prezos moi reducidos, xunto con outras vantaxes engadidas que xa se poden consultar na páxina asociacions.dominio.gal.

 

Nova imaxe

 

Os dez anos de PuntoGal serven tamén para cambiar a imaxe de marca do rexistro. O seu tradicional logotipo, o nome sobre un círculo azul, naceu no ano 2006, cando se constituíu a entidade asociativa que posteriormente daría lugar ao dominio. Baixo a dirección creativa da axencia coruñesa Lapera, desenvolveuse un novo logotipo, unha carta de cores actualizada, cambiouse a tipografía e presentouse un novo lema.

 

A nova imaxe constrúe un espazo versátil e amosa o que representa hoxe .gal, unha casa común, de todas e todos, no que o dominio adopta a forma que os seus usuarios precisen para identificarse con eles. Segundo sinala o estudo creativo, o proceso cristalizou “nun logo que está vivo, que representa o tradicional punto de PuntoGal pero en formato fluído, en movemento”. A imaxe acompáñase dunha tipografía moderna pero que lembra as raíces galegas e co lema O teu punto forte. A nova imaxe está xa presente nas webs e redes sociais de PuntoGal e aplicarase paulatinamente noutros ámbitos nos que o dominio ten presenza.

 

Lapera tamén é responsable da campaña de conmemoración que realizará PuntoGal en medios de comunicación en redes, na que se ligan as destrezas tradicionais galegas co presente e o futuro que representan as redes tecnolóxicas.

 

A conmemoración do decenio de funcionamento do rexistro acompáñase tamén dunha axenda institucional, que terá a súa primeira parada o 15 de outubro no Parlamento de Galicia, onde a directiva do dominio manterá unha xuntanza co presidente da institución e con representantes dos grupos parlamentarios. O obxectivo é lembrar tamén os dez anos da declaración institucional que se asinou por unanimidade na sede parlamentaria o 26 de xuño de 2014, onde se afirma que .gal é unha “ferramenta chave para potenciar o uso do galego na internet, dotar a nosa cultura dun novo instrumento para aumentar a súa visibilidade e facilitar que as empresas gañen en proximidade co público galego” e se comprometía o “todo o apoio (…) no labor de difundir este proxecto e contribuír a facer visible a nosa lingua e cultura e situar Galicia no mapa mundial das comunicacións por internet”.

 

Representación de Galicia na rede

 

O presidente de PuntoGal, Manuel González, lembra que “moitos soñamos cunha Galicia máis próspera, máis dinámica, máis emprendedora para saber explotar os seus recursos e as súas capacidades, máis orgullosa da súa cultura e da súa identidade, máis cohesionada socialmente e con maior visibilidade e recoñecemento no mundo. Este era o soño que no fondo nos moveu para poñer en marcha hai dez anos un dominio .gal”. González considera que “nestes 10 anos .gal axudou a avanzar un chanzo nestes obxectivos, contribuíndo a construír unha Galicia máis cohesionada e identificada, a darlle visibilidade aos nosos recursos, a desenvolver as TIC en galego, a enriquecer a nosa cultura e, sobre todo, a darlle visibilidade a Galicia e á súa lingua na rede”.

O presidente do dominio, conclúe que, despois de 10 anos, “cómpre facer revisión do camiño percorrido, examinar os acertos e os erros producidos nesta etapa, e sobre todo coller novos folgos e novos azos para darlle un novo pulo á implantación do dominio ata convertelo no carné de identidade de todos os galegos na Rede. Non teño ningunha dúbida de que PuntoGal seguirá dando pasos camiño do soño que deu lugar á súa creación”.

Como entidade independiente encargada do rexistro e xestión do dominio galego en internet, PuntoGal vén cumprindo desde 2014 con tres obxectivos fundamentais. Segundo sinala do director xeral do dominio, Darío Janeiro, “PuntoGal crea comunidade cos seus case 7.200 dominios baixo o paraugas dunha marca que identifica a Galicia na rede cos máis altos estándares de servizo e seguridade; representa ao país nos foros internacionais onde se dirimen as políticas de funcionamento de internet, como ICANN; e mantén un programa corporativo de apoio a iniciativas no ámbito da cultura, a tecnoloxía, a lingua ou o deporte galegos, que están no ADN da entidade”. Este programa abrangue distintas manifestacións creativas ou a recuperación e conservación da memoria e o patrimonio, en colaboración con institucións como a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, o Clúster da Comunicación de Galicia, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, entre outras.

 

Como membro activo da comunidade de internet a nivel global, PuntoGal representa Galicia e a súa lingua ante ICANN, a organización internacional dedicada a coordinar e administrar o sistema de nomes de dominio (DNS) e a manter unha Internet segura, estable e interoperable. O dominio forma parte tamén dos GeoTLDs, plataforma que agrupa aos rexistros xeográficos e culturais; ou da RYSG, que reúne na mesma mesa aos principais rexistros e rexistradores da rede. Do mesmo xeito, é parte activa ou mantén convenios de colaboración con entidades que apostan por unha internet máis segura, como a Global Cyber Alliance, Womer for Cyber, a Internet Wacth Foundation e o nodo Ciber.gal da Xunta de Galicia.

 

Todo isto no sería posible, conclúe Janeiro, “sen o apoio das empresas, entidades, administracións e particulares que confían en .gal para a súa operativa diaria e, non menos importante, de todas as persoas que nestes anos apoiaron de moi distinta maneira, aportanDo tempo e coñecementos, este pequeno milagre que supón ter un dominio propio. Un proxecto que empeza agora outros dez anos con novas ideas para crecer e xerar comunidade, pero sempre en Galicia”.

 

 

Para máis información:

Alba e Ángela: comunicacion@dominio.gal, 623 333 082.

Sala de prensa: https://i.gal/10anos

www.dominio.gal

 

Compartir

Compartir