93 empresas e entidades formaron parte deste programa
Hai dez anos PuntoGal era unha realidade, pero tamén un risco. Ninguén sabía como ía funcionar, que significaba exactamente ter un dominio propio, xestionado desde Galicia. Aínda así, un grupo de 93 empresas, entidades, institucións de asociacións de distinto tipo apostaron por facerse cun .gal para vencellalo a distintos proxectos na rede. Hoxe, dez anos despois, con máis de 7.200 rexistros, é momento de agradecer aquel apoio.
PuntoGal cumpre dez anos, está de celebración. E, como toda boa celebración, ten un amplo apartado de agradecementos. Un deles é ás 93 entidades que asumiron o risco de ser Pioneiros, o cualificativo que se lle puxo a aqueles primeiros rexistros. Nun acto que tivo lugar en xullo de 2014 no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que “os participantes neste programa son pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas, Galicia teña o seu propio carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade”.
O programa Pioneiros ofrecía a posibilidade de rexistrar e comezar a usar o dominio uns meses antes do período de rexistro xeral. O uso destes nomes era unha oportunidade de destacarse como os primeiros en dar a coñecer produtos e servizos á comunidade da lingua e a cultura galega. Ao tempo, este grupo de nomes representativos xerou expectación entre o mercado potencial e demostrou que o .gal ofrecía unha posición especial na rede, deixando clara a orixe e a comunidade de referencia das empresas, asociacións e iniciativas de todo tipo viculadas co dominio nestas etapas temperás.
O proceso de lanzamento dun dominio implica distintos procedementos técnicos e administrativos, en grande medida para seguir as pautas marcadas por ICANN, pero tamén regulamentos de seguranza e resolución de posibles conflitos con, por exemplo, marcas rexistradas. Neste camiño, o dominio contou coa axuda non só dun equipo técnico experto na materia, senón tamén de voluntarios e de rexistradores que botaron unha man para iniciar a súa andaina.
As tres fases iniciais, despois da dos pioneiros, foron as de Abrente (Sunrise), Carreira (Ladrush) e, finalmente, a fase aberta. Na primeira distinguíase varias categorías con distintas prioridades para marcas rexistradas, administracións públicas, entidades e institucións con competencia en Galicia e empresas ou páxinas que facían a súa comunicación en lingua galega. Na fase Carreira, incluíanse os dominios que, por distintos motivos, non se podían incorporar nas categorías da fase Abrente.
Finalmente, o 2 de decembro de 2014 activouse a fase Aberta, na que as solicitudes se asignan por orde de chegada, como sucede en calquera outro dominio. A súa activación presentouse nun acto na Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Este foi tamén un momento importante xa que, desde ese momento, o dominio estaba plenamente operativo e aberto á sociedade en xeral.
Os pioneiros foron continuadores do compromiso que no seu día amosaron as primeiras doce entidades que constituíron PuntoGal en xuño de 2006 nun acto no Auditorio de Galicia, tamén en Santiago. Estas eran a Asociación de Editores de Galicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, a Asociación Fillos de Galicia (fillos.org), o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude de Galicia, as Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet), Galicia Hoxe, Idesga-Galego 21, ISOC-Galicia, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega (RAG) e Vieiros.
“PuntoGal sempre terá un lugar na súa historia para as entidades que apoiaron o noso camiño nos distintos momentos do proceso. As entidades fundadoras sempre terán esa honra, pero tamén as outras 93 que se convertiron en prescriptoras de .gal e que axudaron decisivamente a obter a confianza da cidadanía no proxecto”, sinala o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro. “Hoxe PuntoGal conta con 115 entidades asociadas, que son o corazón do dominio, e varios miles de rexistros que son os seus pulmóns. Todos e cada un deles son necesarios, imprescindibles”, conclúe.
A lista de pioneiros incluía 35 administracións públicas, 15 empresas e 43 asociacións de diverso tipo. Alí estaban o propio Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega, a Catedral de Santaigo, ADEGA, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Avogacía Galega, a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia, a Televisión de Galicia, a FEGAMP, as tres universidades galegas, R Telecomunciacións, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Editorial Galaxia ou Gadis, entre outras. O listado completo pode consultarse nesta ligazón: https://asociacion.gal/pioneiros/
A lista das entidades asociadas hoxe en día a PuntoGal pode verse aquí: https://asociacion.gal/socios/
Como sinala o presidente de PuntoGal na súa carta de presentación na páxina web do dominio, “PuntoGal é un factor de cohesión social, que nos recorda que somos un pobo cunha lingua e cunha cultura propias, que se foi constituíndo ao longo de moitos séculos e que desexa un proxecto común para o futuro. É un elemento que reforza a nosa identidade, que nos une a todos os galegos, os da Galicia administrativa, pero tamén os galegos de lingua e de cultura que están fóra dela, tanto estremeiros como de países de Europa e de América a onde moitos galegos tiveron que se desprazar en busca dunha vida mellor”. Todo iso non sería posible sen as persoas e entidades que forman parte dos pioneiros de PuntoGal.