Anxo Sánchez é o responsable da conta Orgullo Galego, o recuncho das galegas orgullosas de seu.
Pregunta: Quen sodes e que facedes?
Resposta: Somos Orgullo Galego. De xeito moi resumido podemos dicir que somos unha comunidade que une a galegos de todo o mundo que están orgullosos do seu, da súa historia, lingua, cultura e maneira de estar no mundo. De estar orgullosos como pobo.
Non só desde un punto de vista esencialista e identitario, algo do que intentamos escapar. Tampouco, nin moito menos, desde un punto de vista supremacista.
Máis ao contrario. Orgullosos de ser quen somos e vivir como vivimos, nun mundo onde a riqueza e a diversidade lingüística, cultural e popular parece que non é do gusto de todos.
Así nacimos como unha simple Facebook en 2016. Logo uníuselle Instagram, Twitter, YouTube, Twitch, TikTok, Telegram e finalmente a páxina web, que nestes intres é o punto central da comunidade.
Inicialmente eramos dous rapaces, Borxa e Anxo [quen vos escribe], mais agora somos 4 persoas colaborando en crear contidos no blog. Gustaríanos ser moitos máis e crear máis contidos para redes que temos algo abandonadas, pero o tempo e o diñeiro chega a onde chega.
P: Un pequeno resumo da vosa historia e dos vosos principais traballos ou actividades neste tempo
R: Borxa e mais eu coñecímonos hai xa bastantes anos, cando aínda estabamos estudando.
Logo de observar outras páxinas de Facebook na altura, decidimos crear unha coa que acadar uns poucos seguidores para difundir cuestións ligadas coas organizacións nas que participabamos (e participamos aínda a día de hoxe).
Pero a cousa foi moito mellor do que agardabamos e cambiamos un pouco tanto de táctica como de estratexia.
A nivel profesional Borxa é Educador Social e eu [Anxo] son deseñador de páxinas web en anxosanchez.gal.
P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?
R: Actualmente estamos moi centrados na creación de contidos na páxina web, e reservamos as redes sociais para difundir eses contidos e algunhas outras cuestións de terceiros que nos parece interesante apoiar (iniciativas culturais, musicais, en defensa da lingua, do territorio, etc.)
Nesa web, orgullogalego.gal, escribimos semanalmente varios artigos. Estes poden ser reportaxes, entrevistas ou guías nas que tratamos temas culturais, historiográficos, lingüísticos, tradicionais, de lugares senlleiros ou actuais.
Estamos convencidos que hai moito que explorar nestes eidos e nós intentamos poñer o noso gran de area.
Temos aberta un apartado de subscricións para acceder aos contidos máis exclusivos e apoiar á comunidade, así como unha tenda online que será punto de encontro de tendas de terceiros en non moito tempo.
A idea é perseverar e aprofundar neste camiño.
P: Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?
R: A nosa web, como comentei, é orgullogalego.gal
Orgullo Galego foi o nome que eliximos para a nosa comunidade porque, desde un punto de vista agregador, define o que queremos ser. Un punto de encontro para todas as persoas orgullosas do seu.
Eliximos o .GAL porque non podería ser doutro xeito. Xeolocalízanos no mundo, define tamén sobre onde e que van tratar os contidos. Non hai dúbidas.
P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal?
R: Indentificación e localización única no mundo. É un .GAL porque tratamos temas desde aquí e para aquí.
Isto non nolo daría un .COM.
P: Calquera outra cousa que vos interese comentar.
R: Sabemos que manter unha comunidade como esta é difícil, pero está na man de todas e todos os galegos abrir camiño para o galego (e para os .GAL) en internet. Non deitemos toda a responsabilidade nas administración nin no veciño de en fronte.
Fagámonos donos do noso futuro.