Unha representación de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego, mantivo este xoves un encontro co conselleiro de Administración Pública e Facenda, Miguel Corgos, e co director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, Julián Cerviño Iglesia, no marco da axenda institucional para celebrar o décimo aniversario da activación de .gal. A xuntanza serviu ao presidente de PuntoGal, Manuel González, para salientar o “compromiso” das persoas e entidades que apostan polo dominio identificador de Galicia “polo que este representa, un símbolo de futuro, de modernidade e de autoestima de Galicia”. Do mesmo xeito, González remarcou o apoio prestado “desde os inicios” da andadura do .gal polas administracións públicas galegas e agradeceu aos sucesivos gobernos da Xunta a súa colaboración, “tanto na fase de consecución do dominio como ao longo dos dez anos que transcorreron desde entón”.
Nesta liña, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, tamén presente no encontro xunto con Javier Fraga, vogal da xunta directiva da entidade, salientou a importancia que tivo o decreto da Xunta, asinado en maio de 2015, que levou á toda a administración a pasar ao .gal para as webs institucionais e os correos corporativos como “un dos feitos relevantes da historia do dominio”. Janeiro lembrou ademais o traballo que a xestora do rexistro identificador de Galicia na rede realiza en ámbitos como a ciberseguridade como parte de ciber.gal, da Amtega, sacando adiante iniciativas “para converter o .gal dun dos dominios máis seguros”, así como o labor que se desenvolve no ámbito da análise do sector das TIC en proxectos como o informe sobre a presenza do galego nos resultados de buscas de Google, entre outros.
O encontro serviu tamén para facer repaso do traballo que desenvolve PuntoGal que, como lembrou o seu presidente, é unha entidade sen ánimo de lucro que nestes dez anos ten logrado autofinanciarse grazas aos máis de 7.200 dominios e unha taxa de renovación que supera o 90%, e cuxos beneficios se reinvisten en programas de apoio á cultura, a lingua e á tecnoloxía de Galicia. Ao longo da última década, son máis de 110 as institucións e entidades coas que PuntoGal ten colaborado, desde a Real Academia Galega ata as tres Universidades de Galicia, o mundo da edición galega, asociacións e colexios profesionais do ámbito da informática e das telecomunicacións, o Consello da Xuventude de Galicia, o Colexio de Xornalistas de Galicia, o Colexio de Arquitectura de Galicia, o Consello da Avogacía Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, o Eixo Atlántico ou o Museo do Pobo Galego, e lembrou algunhas das liñas de acción de PuntoGal en eidos como a tecnoloxía, a cultura e a comunicación, a promoción da lingua e da igualdade de xénero, ou o ámbito lúdico e deportivo, sen esquecer o valor do uso de .gal como identificador no mundo empresarial.
Na Xuntanza, a delegación de PuntoGal recibiu os parabéns do conselleiro de Administración Pública, quen reafirmou o compromiso da Xunta co dominio de cara ao futuro.