Presentámosvos aquí medra.gal, unha web que vos ofrece a oportunidade de mellorar as vosos negociocios na rede da man de Anxo Sánchez e os seus colaboradores.
Medra é unha ferramenta de formación e acompañamento para persoas que queren lanzar ou mellorar a presenza do seu negocio en Internet.
Ten formato de academia online onde participan como docentes múltiples profesionais con traxectoria e experiencia, que teñen como obxectivo transmitir os coñecementos adquiridos e tamén os erros cometidos.
Nela pódense atopar tres tipos de contidos de publicación mensual: cursos de formación, soporte con resolución de dúbidas e conversas con referentes galegos do sector.
Os cursos de formación son contidos en formato vídeo que teñen como obxectivo acadar unha competencia concreta no ámbito do márketing dixital. Por exemplo, como facer unha páxina web, como aparecer en buscadores, como xestionar redes sociais etc.
O soporte e a resolución de dúbidas son contidos en formato vídeo que perseguen disipar todas aquelas preguntas ou incertezas que xurdan ao realizar os cursos.
As conversas son contidos en formato audio que teñen como fin coñecer e escoitar a historia e experiencias de profesionais galegos que traballan no ámbito de Internet.
Adicionalmente, existe un blog e un boletín/newsletter no que se publican pílulas gratuítas e ao que está convidada toda persoa que queira investigar mais aínda non estea preparada para acceder ao contido de pago.
Detrás de Medra hai moitas persoas.
A idea inicial parte de Anxo Sánchez, mais son moitos os profesionais que imparten cursos na academia (no intre da publicación están tamén Javier Boquete, Ana Díaz, Bárbara G. Vilariño e Saúl Vérez) e que participan nas conversas.
A idea de Medra é fornecer de contidos actuais e útiles. A curto e medio prazo seguir publicando novos cursos, soportes, conversas e mellorar a oferta formativa ofrecida.
Pensamos que aprender e divulgar sobre márketing dixital tamén se pode facer en galego. E alguén ten que tomar a iniciativa de facelo desde unha perspectiva profesional coa mesma calidade que en calquera outra lingua.
Grazas ao dominio .GAL podemos facer isto desde un nome de noso e unha identidade propia.