Hoxe falamos con Lucía González, a responsable de comunicación de Dinahosting. A empresa está, nestas datas, celebrando dúas décadas de traballo na rede galega e é unha referencia imprescindible na internet. Desde a súa sede das Salvadas, en Compostela, contesta ás nosas preguntas.
Pregunta: Sodes o principal registrar de dominios .gal. Que significa para vos, e que argumentos dades (e escoitades) para que a xente o elixa?
Resposta: Ser o principal registrar dos dominios .gal é algo do que sentimos especial orgullo, xa que dos case 6000 dominios rexistrados, estamos detrás do 73%, o que significa unha ampla maioría. Cando un novo negocio, un concello ou un organismo rexistra un dominio .gal está a vincularse, aínda máis se cabe, con Galicia.
A todos os nosos clientes recomendámoslles que sempre protexan a súa marca con todas as extensións vencelladas ao seu negocio. Temos na cabeza sempre o .com ou o .es, pero se vendes en Galicia, tamén debes ter un .gal xunto con outros TLD que protexan o teu nome de marca e que te diferencien da competencia. Por exemplo, se tes unha tenda de roupa ou zapatos, un dominio como o .shop ou .boutique son unha moi boa idea tamén. Ou se o teu negocio é unha tenda de comestibles, podes rexistrar ademais do .com e .gal, o .market.
As posibilidades son infinitas. Deixámosvos o link á nosa sección de dominios https://gl.dinahosting.com/dominios para que poidades ver todos os dominios dos que dispoñemos, arestora temos máis de 400!
P: Levamos colaborando desde o principio, e de feito temos un par de ferramentas que fixemos xuntos. Para que valen?
R: Velaqui.gal e i.gal son dúas ferramentas moi útiles tanto para empresas como para profesionais en xeral e nas que traballamos de forma conxunta. Para os que non as coñezan, explícoas de forma moi breve:
Velaqui.gal https://velaqui.gal/ é un servizo de intercambio de arquivos a través da rede. Podes compartir ficheiros, documentos ou fotografías coas direccións de correo que elixas, cun tamaño máximo de 3 GB. O funcionamento é moi sinxelo, primeiro escribes o teu correo e logo os dos destinatarios. Nas opcións avanzadas poderás redactar unha mensaxe, cifrar os arquivos e establecer unha data de caducidade ou cun máximo de descargas. Unha vez procesado o arquivo, recibirás unha notificación no teu correo e un enlace que tamén poderás compartir con quen desexes. A diferenza doutras ferramentas, Velaqui.gal non contén publicidade e os datos viaxan de forma cifrada.
i.gal https://i.gal trátase dun acurtador de URL feito en colaboración con vós, e coa Agasol. Esta ferramenta permite codificar calquera enderezo web facéndoo máis pequeno, o que resulta de moita utilidade para as redes sociais ou para a convocatoria de eventos online. Ademais, podes personalizar ao teu gusto as palabras que forman parte da URL xerada e así poñer en valor a túa marca ou negocio.
Agardamos que o público lle saque moito partido!
P: Durante o confinamento colaboramos na iniciativa Abre na rede. Que balance facedes dela? Entra dentro das promocións habituais que facedes co PuntoGal?
R:Facemos un balance moi positivo, xa que axudamos a decenas de comercios a que puideran continuar coa súa actividade grazas ao Hosting Avanzado que lles outorgamos e ao dominio .gal doado por vós. O ano pasado foi un ano de moitísimo traballo pero a nosa máxima foi seguir estando ao carón dos nosos clientes e axudar a outros moitos a dixitalizarse. Para isto deseñamos diferentes accións, como reaxustar o prezo das altas de hostings, dominios e servidores, dedicarlle un esforzo extra a crear máis contidos de axuda que guiasen a autónomos e pemes a desenvolver a súa presenza na rede, asesoramento gratuíto a calquera hora durante os 365 días do ano e sendo moi sensibles ás dificultades que están a pasar moitos negocios.
Pola nosa parte estamos moi contentos de poder establecer todo tipo de colaboracións convosco. Levamos traballando xuntos moitos anos en iniciativas como descontos nos dominios en determinadas datas do ano e en beneficios para asociacións, entre outras, e as que están por vir!
P: Moita xente pensa que, falando de presenza na rede, cunha páxina en cada rede social abonda. Que opinades? Que recomendades para comezar?
R: Agradézovos esta pregunta, porque moita xente considera que cunha rede social é suficiente para vender ou para desenvolver a marca persoal e a comunicación dunha empresa ou emprendedor. Pero as redes sociais nunca poderán substituír unha páxina web. E por que o digo? Unha páxina web ou tenda online é un escaparate perfecto para a túa marca: axúdache a posicionarte nos buscadores, cunha web transmites profesionalidade ou podes potenciar o coñecemento do teu produto con contidos especializados no blog.
A túa web é só túa, polo que non dependes de cambios de políticas de uso e contido e tampouco tes unha limitación de espazo ou formatos para difundir as túas mensaxes. Ti imaxina que estás a vender en Facebook e que dun día para outro che indican que tes que pagarlles unha comisión por cada venda que realices. Ou pasas por caixa ou quedas sen negocio. A túa empresa debe ter o seu propio espazo, e non o dun terceiro.
Se só precisas unha páxina web con moi poucas páxinas e contido, un Hosting Básico será suficiente, pero se o teu negocio é unha tenda online con diferentes tipos de produtos terás que pasarte a un Hosting Avanzado. E grazas a ter un dominio e hosting podes dispoñer de contas de correo corporativas para o teu negocio, co que transmitirás unha maior profesionalidade.
Para comezar, pensa nunha páxina web sinxela e que dea solucións aos teus clientes. O imprescindible é que contes cunha páxina de Inicio; cunha sección onde expliques que fas e como podes axudar ao teu cliente, vamos, a túa proposta de valor; outra sección onde fales de ti e do teu equipo, quen está detrás da web e unha área de contacto.
E paralelamente pensa no nome de dominio para o teu negocio. O máis importante é que sexa breve, moi fácil de escribir, recordar e pronunciar; que non existan nomes de dominio similares xa rexistrados e que se asocien a outras marcas, para evitar despistar ao teu cliente e que non teña connotacións negativas noutros idiomas.
P: Parece que non é nada, pero levades vinte anos nisto. Como cambiou a vosa empresa nese tempo? Que previsións tedes para os seguintes anos?
R: Cumprimos 20 anos e facémolo con moita ilusión e moi agradecidos a todos os nosos clientes, xa que sen eles non estariamos aquí. Nos nosos inicios construíamos páxinas webs e o noso nome era dinaweb. Neses primeiros anos detectamos que o mercado demandaba servizos de aloxamento web e dominios e que non existían empresas dese tipo próximas. 20 anos despois, dinahosting pasou a ser a principal provedora independente de aloxamento web e dominios, de 10 traballadores pasamos a 120, temos máis de 145000 clientes repartidos por todo o mundo e máis de 400 dominios dispoñibles para rexistro.
O noso reto é seguir axudando a emprendedores e a pequenas e grandes empresas a dixitalizarse, e continuar sendo fieis aos valores que nos trouxeron aquí: atención ao cliente 24 horas, os 7 días da semana e durante todo o ano de forma gratuíta e sen esperas; traballar en desenvolvementos propios que nos permiten atender dunha forma rápida ás demandas dos nosos clientes e ofrecer produtos de calidade que aporten o mellor rendemento e estabilidade ás webs que nos confían o seu servizo.