Falamos coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, con 40 anos de existencia, para saber un pouco máis deles.
Pregunta: Quen sodes e que facedes?
Resposta: Somos un movemento de renovación pedagóxica pioneiro de Galiza e asociación sociocultural, a AS-PG está integrada por uns 800 asociados e asociadas de todo o país, vencellados directa ou indirectamente cos ensinos Primario, Secundario e Universitario.
P: Un pequeno resumo da vosa historia e dos vosos principais traballos ou actividades neste tempo
R: A Asociación Socio-Pedagóxica Galega constituíuse no ano 1976. Ten, por tanto, máis de 40 anos de existencia.
Durante este tempo, a AS-PG foi ampliando as súas actividades e incrementando o número de asociados/as até converterse no Movemento de Renovación Pedagóxica de referencia para as persoas ensinantes galegas
Dedicamos os nosos esforzos á organización de actividades culturais e de formación para o profesorado. Ademais, tamén publicamos materiais didácticos e temos unhas redes sociais bastante activas.
Levamos uns anos creando e actualizando a Historia da Literatura Galega http://literaturagalega.as-pg.gal/, unha enciclopedia online moderna e ao día sobre a nosa literatura.
P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?
R: Gustaríanos seguir promocionando a lingua e a cultura galega, propoñendo novos proxectos en distintos ámbitos, así como promover a nosa actividade asociativa.
P: Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?
R: A nosa web é https://www.as-pg.gal/
Preferimos o dominio .gal porque estamos comprometidos co noso país.
P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal? (Tanto online coma offline).
R: Parécenos que nos distingue e nos identifica como asociación galega preocupada pola nosa lingua e cultura.