Hoxe falamos con Ernes e Rosi, que levan os alimentos da horta á mesa cada día, coidando a terra para podelo facer por moitos anos. Desde a súa web alouminhosdaterra.gal venden e entregan os seus produtos en toda Galicia.
Pregunta: Quen sodes e que facedes?
Resposta: Aloumiños da Terra somos dúas labregas, Ernes (Vigo) e Rosi (Ponteareas), unha equipa a traballar xuntas no mundo da sostibilidade alimentar. Dúas persoas que nos topamos no camiño e xuntas emprendemos a viaxe de vivir do que gostamos: labrar a terra e recoller os seus froitos.
Traballamos a terra con moito esforzo e aloumiño para que, quen queira, poida recibir na porta da súa casa os froitos das nosas hortas.
Ademais, xunto cas nosas froitas e verduras, vendemos e repartimos a domicilio produtos envasados ecolóxicos de empresas galegas.
Alimentamos a terra con compost ecolóxicos, controlamos as pragas con purín de estrugas, cola de cabalo e terra de diatomeas; practicamos a permacultura, a rotación e a asociación de cultivos… en definitiva, moito aloumiño e ningún químico!
Comezamos a vender por WhatsApp. Porén, animámonos a dar o paso á venda en liña co incentivo de PuntoGal, resultándonos este modelo moito máis atractivo para nós e as nosas aloumiñeiras. Así podemos organizármonos moito mellor os pedidos e o reparto a domicilio.
Por suposto, vender o noso produto é un xeito de gañarnos a vida, mais tamén é facer extensíbel un modelo de consumo alimentar máis xusto co medio, e connosco.
P: Contádenos como vos coñecedes e como naceu o proxecto.
R.Todo comezou hai uns anos nun curso de horta ecolóxica en Mondariz . A curiosidade e as gañas de aprender fixo que nos xuntáramos. Unha vez rematado o curso, quixemos pór en marcha todos os nosos coñecementos. Uniunos as gañas de vivir do noso traballo no campo e o desenvolvemento persoal en contacto coa natureza.
P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?
R: Nada disto tería sentido se non quixeramos seguir vivindo deste xeito. O noso obxectivo é conseguir chegar a quen procure alimentarse con verduras e froitas sans e de cercanía. Continuar co reparto semanal ás persoas que confían en nós, e partillar con elas un anaco da vida. Repartir Aloumiños con sabor á Terra.
P: Onde vos podemos atopar e por que usades un dominio PuntoGal?
A nosa web é alouminhosdaterra.gal. O noso nome pretende darlle o valor que realmente ten á Terra para nós, o amor que esta nos dá aportándonos todo o que precisamos e o respecto que lle debemos ter.
O .gal concorda ca nosa idea de que temos un país cheo de recursos no que un modelo alimentar de proximidade é posíbel.
P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal?
R: Profesionalidade e identidade, como pobo cunha lingua propia e como país cunhas capacidades plenas para nos desenvolver.
P: Moitas grazas por falar con nós. Hai algunha outra cousa que vos interese comentar?
R: Moitas grazas por esta entrevista. A visibilización do comercio galego e en galego é fundamentalmente importante. En Aloumiños da Terra seguimos abertas a sumar á nosa web proxectos en ecolóxico ou en confianza. E para todas aquelas persoas e produtores que estean interesadas, poden toparnos nas redes, tanto no Facebook como no Instagram (@AlouminhosDaTerra).
Unha aperta!