A xestora do dominio identificador de Galicia na rede organizou na Coruña esta sesión informativa en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e mais do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, ademais da UDC
A Coruña, 28 de marzo de 2025 Unha internet máis diversa, multicultural, multilingüe e con acceso universal. Estes son os obxectivos que persegue a Aceptación Universal (Universal Acceptance, UA, na súa forma inglesa), o conxunto de requisitos técnicos que garanten que todos os nomes de dominio e enderezos de correo electrónico válidos, independentemente do seu alfabeto, idioma ou lonxitude de caracteres, poidan ser utilizados por igual por todas as aplicacións, dispositivos e sistemas conectados a internet, sen restricións nin problemas de funcionamento. Estes mesmos obxectivos centraron a xornada celebrada este venres na facultade de Ciencias de Comunicación da Coruña, organizadas por PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador do dominio na rede, xunto coa ICANN, a entidade que coordina de forma internacional o sistema de nomes de dominio e asigna as direccións IP de internet, no Día Mundial da Aceptación Universal, que se celebra desde 2023 para visibilizar estes retos.
A sesión, que contou tamén coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, xunto coa Universidade da Coruña (UDC), abriuse coas palabras da vicedecana da facultade de Ciencias da Comunicación, responsable de Estudantes e Prácticas, Nereida Rodríguez Fernández, e do vicepresidente de PuntoGal, Camilo Regueiro, encargado tamén do peche da xornada. Nesa primeira intervención, o decano do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo, apelou aos avances en dereitos que se están a acadar no eido das tecnoloxías, desde a alfabetización dixital ata a neutralidad na rede. “A Aceptación Universal debería ser tamén un dereito coa mesma transcendencia e o mesmo peso e Galicia pode ser un referente, xa que contamos cun dominio propio e un ecosistema moi avanzado”, valorou, mentres que o seu homólogo no Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, recordou a responsabilidade dos sectores profesionais vinculados ás tecnoloxías da comunicación de “educar ás nosas comunidades para que fagan uso de ferramentas para facilitar a inclusión dixital”.
A primeira presentación da xornada correu a cargo do xestor Técnico dos programas de UA e Internationalized Domain Names de ICANN Geraldo Ferreira, quen considerou o multilingüismo “a chave para a inclusión dixital”. “Vivimos nun mundo multilingüe, pero existe unha gran diferencia entre persoas que falan un determinado idioma e o contido que temos en cada lingua en internet. Hai espazo para crecer en contidos nas distintas linguas”, opinou, tendo en conta que a lingua inglesa acumula, segundo indicou, a metade do total de contidos da rede e que un 52% de persoas, principalmente de Asia e África, non están aínda en liña. “Unha internet lingüísticamente diversa contribúe a reducir a fenda dixital”, manifestou, e chamou ás persoas usuarias a “presionar” e esixir aos seus proveedores que os servidores soporten correos internacionalizados para avanzar neste plurilingüismo, en tanto que non existe “ningunha obriga formal” por parte das empresas de soportes ter dominios e correos en todos os idiomas e alfabetos. “É un traballo de convencer, de funcionar de forma coordinada”, recoñeceu, para sinalar o “esforzo” da ICANN para conseguir a colaboración destas grandes empresas para que todas as aplicacións e servizos funcionen con correos e dominios internacionlizados.
Na segunda intervención, o escritor Xabier Alcalá, doutor en Informática e enxeñeiro de Telecomunicacións, desenvolveu un completo repaso sobre os distintos sistemas lingüísticos e idiomas arredor do mundo e dos problemas das súas representacións nos sistemas informáticos e ofreceu un intento de solución mediante a inclusión de símbolos diacríticos para as linguas de grafía non latina. “O correo electrónico, como foi o correo tradicional, é un medio de representación e é asíncrono, que vai da estafeta á estafeta que hoxe son os servidores. Son estes os que teñen que entender para poder redireccionar”, exemplificou.
Pola súa banda, o enxeñeiro informático Iván Luis, vogal do Colexio de Enxeñaría en Informática, destacou o papel da Universal Acceptance para “suprimir as barreiras idiomáticas a través dos dominios e os correos, que son os que máis inflúen á hora representar” e chamou a usuarios, usuarias e comunidades a “reivindicármonos, volver coller os nosos nomes completos e no noso idioma”. “Ata agora se non falabas inglés na rede tíñalo complicado. A prevalencia desta lingua en internet é enorme, pero o número de falantes nativos é moito menor. Temos que térmonos en conta os uns aos outros”, salientou, para advertir de “todo o traballo pendente para adaptar as ferramentas para programar e que estas sirvan tamén para facer programas e software que resolvan esas necesidades lingüísticas”.
A derradeira presentación, antes do peche, correspondeu a Edita de Lorenzo, profesora da Universidade de Vigo e secretaria da directiva de PuntoGal, quen situou a importancia de xornada como a desta mañá – e que se inscribe na programación da ICANN para a visibilización da Universal Acceptance, con medio cento de actividades programadas nos cinco continentes entre marzo e maio– para sacar á luz unha problemática que afecta a moitos millóns de persoas que nin sequera teñen conciencia desta barreira. “Somos unha minoría as comunidades que empregamos a grafía latina para o noso idioma e hai moitísimas outras variedades que non só importan e non só paga a pena que entren na internet, senón que sabemos ben nos exemplifican o moito que podemos perder”, alertou, sinalando que a falta de normativa e politicas concretas para avanzar na inclusión lingüística dixital “ten moito que ver con a quen afecta”.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.300 dominios .gal rexistrados.
Sobre ICANN
ICANN é o acrónimo de Internet Corporation for Assigned Names and Numbers. É unha entidade sen fins lucrativos, multilateral, que organiza a concesión de dominios e de enderezos IP no mundo, dedicada a preservar a estabilidade de Internet por medio de procesos baseados no consenso.