M

Rexistro

Promocions

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

i.gal

velaqui.gal

DGI

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Dominio

PuntoGal

Rexistro

Promocións

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

Consellos

i.gal

velaqui.gal

19/05/23
“A Voz de Vilalba sempre mantivo un compromiso firme coa nosa lingua”

O xornalista Moncho Paz é un dos membros fundadores de www.avozdevilalba.gal, portal especializado en cultura galega. A publicación tivo unha primeira etapa en formato papel entre 1983 e 1986, na que saíron á rúa un total de vinte e sete números e varios especiais. Chegou a contar con máis de cen subscritores e tiña unha tiraxe media de cincocentos exemplares. Entre outros motivos, deixou de editarse porque en 1987 Moncho fichaba como correspondente de El Progreso en Vilalba, tarefa que compaxinou cos seus estudos na Facultade de Ciencias da Información en Madrid.

Tras varias tempadas na redacción deste xornal en Lugo, pasou a colaborar con outros medios (Galicia Hoxe, Diario de Ferrol, Xornal de Galicia, A Nosa Terra e a edición galega de El País), participando tamén nos faladoiros en radio e TV. A mediados da década de 1990 apostou pola comunicación corporativa e fichou como xefe de prensa da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia. Dende 1996 traballa como director de comunicación externa dunha empresa consultora, encargándose tamén da xestión das redes sociais.

O pasado 5 de maio pechábase a segunda etapa de A Voz de Vilalba, coa presentación de catro libros concebidos como recopilacións dos textos publicados en avozdevilalba.gal entre 2008 e 2023. O de Moncho Paz leva por título ‘Pílulas de vendimario’ e recolle unha escolma de 56 artigos, algúns dos cales tamén viron a luz nas páxinas de opinión do desaparecido Xornal de Galicia, editado na Coruña entre 2008 e 2011 e dirixido por José Luis Gómez. O acto de presentación dos libros foi organizado polo Instituto de Estudos Chairegos ‘Pena do Encanto’ e convertiuse nunha celebración social do corenta aniversario do nacemento do xornal A Voz de Vilalba na capital da Terra Chá.

 

P.- Como xurdiu a idea da edición dixital de A Voz de Vilalba?

R.- Foi en 2008, cando se cumprían vinte e cinco anos da súa fundación. De súpeto, pensamos que estaría ben rescatar o proxecto, que na primeira etapa chegara a ter ampla difusión, a pesar de ser unha publicación de carácter mensual que faciamos tres adolescentes e que -para a nosa sorpresa- converteunos nos editores de menor idade rexistrados na Biblioteca Nacional de España. De feito, lembro que entre os subscritores figuraban persoeiros como o galeguista Ramón Piñeiro, o ensaísta Celestino Fernández de la Vega, o historiador Ramón Villares, o académico Darío Villanueva, os políticos Manuel Fraga Iribarne, Xosé María García Leira e Martín Seco Cendán, a profesora de xornalismo Rosa Cal Martínez, o xogador do Deportivo da Coruña Vicente Celeiro, o teólogo Xosé Chao Rego ou o cardeal Rouco Varela, por citar aos máis significativos. Como denominador común, dicir que case todos eles son vilalbeses ou estiveron vencellados dalgún xeito a Vilalba.

Entrevista a Manuel Fraga (1983)

En 2007 saiu do prelo, co apoio da Xunta de Galicia a través da Sociedade de Xestión do Xacobeo, a edición completa en facsímile do xornal. O volume, con limiar de Ramón Villares -daquela presidente do Consello da Cultura Galega- contou cun amplo estudo introdutorio e coas colaboracións do filósofo Antón Baamonde, do mestre Xosé González Barcia e dos antigos redactores da publicación que me acompañaron naquela aventura, Paulo Naseiro e o meu irmán Mario. Iso animounos a recuperar a cabeceira un ano despois en versión dixital, especializándoa en contidos culturais; tras a consecución do dominio PuntoGal para Galicia, formamos parte do grupo de pioneiros desta iniciativa. Agora pechouse a segunda etapa. E como non son nostálxico, senón de ollar cara adiante, veremos que acontece nos vindeiros meses… De todos xeitos, dicir que o meu compromiso co dominio .gal segue intacto e nestes intres estou a traballar en varios proxectos culturais. entre os que destaca o documental ‘O camiño de Prisciliano’, dirixido por Aser Álvarez (Arraianos Produccións), que presentaremos no Instituto Cervantes de París o vindeiro 23 de maio; por outra banda, rematei unha serie de crónicas (‘O mundo do Chavito’) sobre Vilalba e a emigración chairega a Cuba, que constitúen unha homenaxe ao meu pai e ao meu avó, comerciante republicano que finou en 1960 e a quen non cheguei a coñecer.

 

P.- Por que vos decidistes a facer un xornal na nosa lingua?

R.- Por convicción e por compromiso. A data oficial da fundación de A Voz de Vilalba (29 de xuño de 1983) vén case a coincidir coa aprobación no Parlamento de Galicia da lei de Normalización Lingüística, que tivera lugar ese mesmo mes uns días antes, o 15 de xuño. O dato non é casual se temos en conta que, dende o mesmo intre da súa aparición, A Voz de Vilalba foi un símbolo do uso normalizado dunha lingua e da súa estensión a todos os ámbitos da vida cotián, fronte á idea de circunscribirse, dun modo diglósico, a un terreo vencellado exclusivamente ao tradicional. A esta consolidación da publicación como un pequeno referente na tarefa de construción dun ambiente cultural propicio e duns acenos de identidade necesarios para a comunidade naqueles anos de transición política, contribuíu, sen dúbida, a mostra de prensa mundial que organizamos no verán de 1985, en estreita colaboración con Xosé Sánchez Domínguez, un coleccionista de xornais de A Coruña, e que acadou unha enorme repercusión, pois fixéronse eco dela unha morea de medios de comunicación da nosa comunidade.

 

Ramón Chao, presidente de honra (2015)

P.- Un pequeno resume da vosa historia e principais actividades neste tempo.

R.- Houbo varios feitos determinantes na historia de A Voz de Vilalba: a entrevista que lle fixemos a Manuel Fraga en 1983, sendo líder da oposición en Madrid, que nos situou no mapa mediático do momento; e a mostra de prensa que comentaba anteriormente, na que amosabamos un feixe de xornais e revistas, tanto de España como do extranxeiro. Todos eran orixinais e de distintas épocas históricas: a promulgación do Estatuto de Galicia en 1936; a Guerra Civil, con publicacións de ambos bandos; a Segunda Guerra Mundial; a Revolución cubana e o posterior asasinato do Ché Guevara en Bolivia; a Revolução dos Cravos en Portugal; a morte de Franco, a aprobación da Constitución de 1978 ou a tentativa de golpe do 23-F, eran algunhas das novas máis significativas que aparecían nas súas páxinas. A «I Mostra de Prensa Mundial» foi inaugurada oficialmente o 30 de agosto de 1985 polo daquela presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor. E trinta anos despois, o 28 de agosto de 2015, outro feito importante na nosa traxectoria foi cando nomeamos presidente de honra a Ramón Luis Chao Rego (1935-2018), escritor vilalbés afincado en París e pai de Antoine e Manu Chao, en agradecemento polas súas aportacións e pola súa colaboración desinteresada co noso proxecto cultural durante os últimos anos. Recoñezo a Ramón como un dos meus referentes intelectuais, mantivemos durante lustros unha relación moi estreita e tiven a sorte de que contara comigo para crear a Asociación Amigos de Prisciliano, que puxemos a andar en 2012 como colectivo cultural e constituimos legalmente como entidade xurídica dez anos despois, o 28 de decembro de 2022.

 

P.- Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?

R.- En 2023 estamos a celebrar o corenta aniversario da fundación de A Voz de Vilalba e gustarianos que o noso proxecto fora recoñecido como un referente na defensa da normalización lingüística ao longo deste tempo; durante a segunda etapa formamos parte da Asociación de Medios en Galego e na actualidade seguimos apostando pola lingua e a cultura galega a través da nosa presenza na xunta directiva da Asociación PuntoGal. Tamén valoramos moito a colaboración que mantivemos co Instituto de Estudos Chairegos, dende a súa fundación en 2002.

 

P.- Por que elixistes A Voz de Vilalba como cabeceira?

R.- Quixemos continuar a tradición xornalística de Vilalba, escollendo un nome de cabeceira que antes non existira. O primeiro terzo do século XX foi moi prolífico en publicacións. En 1902 xurde un primeiro xornal manuscrito, Ideal Villalbés, unha folla voandeira creada polo polifacético Antonio García Hermida, quen participará posteriormente en outras aventuras editoriais, como Heraldo de Vilalba, en 1916. Polo medio apareceron outras iniciativas, como El Eco de Vilalba, en 1908, El Ratón (1910), El Vigía Vilalbés (1913), Azul y Blanco (1914), Villalba y su Comarca (1915) e Galicia Pintoresca (1916).
E con posterioridade ao Heraldo continuaron a saga A Xustiza e Aurora (1918), El Gato (1919) –El Ratón tardou nove anos en atopar perseguidor-, La Voz Villalbesa (1921), El Progreso Vilalbés (1922), creado polo activo inmigrante gaditano José Enríquez Chanot, que dirixira Galicia Pintoresca e fora redactor en El Gato; El Villalbés (1923), coa súa continuación en El Villalbés de Buenos Aires (1927) -tamén a prensa emigra-, La Unión Ciudadana (1929) e Faro Villalbés (1932), onde colabora a laureada poeta Carmiña Prieto Rouco. Tras a guerra civil desaparece o fervor xornalístico, fundándose soamente dúas publicacións: Stadium (1949) e El Castillo (1950).

 

P.- Que vos ofrece o dominio .gal?

R.- Un sentimento de identificación e de pertenza á cultura galega, que sempre reivindicamos e que é patrimonio de todos, por iso o lema de A Voz de Vilalba -dende a súa fundación- foi “xornal ao servizo do pobo”.

Compartir

Compartir