Vigo, 11 de abril de 2024 · A xornada tivo lugar hoxe xoves 11 de abril na Sala de Xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo ás 11 da mañá. Celebrouse con formato híbrido con asistentes presenciais e a través de streaming, dentro do programa mundial da ICANN (Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números) para ampliar as facilidades de acceso á rede a toda a poboación, sen distinción de lingua ou sistema de escritura. O UA Day celébrase con máis de 50 actos en todo o mundo.
No evento participaron Rebeca Pilar Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal; Edita de Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo; e Javier Fernández Fraga, do Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia, e Andrea Becalli, de ICANN, o organismo que promove o UA Day en todo o mundo.
Na súa intervención, Rebeca Díaz comentou a importancia da Aceptación Universal na formación dos estudantes e a internacionallización da UVigo, que fai que cada vez teñan maís peso os sistemas de escritura árabes e balcánicos. A continuación interviu Darío Janeiro, que insitiu na importancia da aceptación universal para a acoller a todos os pobos e a todas as culturas, para rematar agradecendo a Andrea Beccalli a súa asistenza ás xornadas como representante de ICANN. Beccalli fixo un percorrido pola historia da rede desde os anos 70 e ata a creación do sistema de dominios e o nacemento de ICANN como entidade que toma decisións de forma independente, baseadas no consenso.
Edita de Lorenzo, pola súa banda, reflexionou sobre o compoñente persoal e identitario dos enderezos de correo e dos nomes de dominio, e sobre a evolución da que estamos a ser testemuñas desde unha rede moi técnica a unha máis humana, en contacto co compoñente cultural e social das civilizacións.
Por último, Javier Fernández Fraga, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, fixo un percorrido máis técnico sobre as implicacións nos cambios de código de escritura tomando como exemplo un dos sistemas máis básicos, o que regula, encamiña e administra as mensaxes de correo electrónico.
A Aceptación universal é un concepto que se refire á capacidade de sistemas informáticos, aplicacións e plataformas en liña de recoñecer e tratar adecuadamente calquera tipo de información ou contido, independentemente da súa orixe, formato ou idioma. En termos prácticos, implica que as tecnoloxías deberían ser deseñadas e implementadas de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas. A UA resulta fundamental para asegurar a accesibilidade e a equidade dixital, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai máis de 7.000 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre AETG-COETG
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi constituída co obxecto social de velar polo prestixio dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar e estreitar os lazos de unión e compañeirismo entre estes, contribuír ao desenvolvemento e progreso da comunidade autónoma de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional e á súa integración nos mercados de traballo e a organización e concurrencia a congresos nacionais e internacionais.
Sobre a Escola de Enxeñería de Telecomunicación
Os estudos de Enxeñaría de Telecomunicación en Galicia nacen en 1985 coa creación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros (ETSE) de Telecomunicación no campus de Vigo, Na actualidade ofértanse dous graos habilitantes para a profesión de Enxeñeiro/a Técnica de Telecomunicacións (un impartido en galego/castelán e outro en inglés) con catro mencións ou especializacións: telemática, son e imaxe, sistemas de telecomunicación e electrónica e tamén o Mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación para o exercicio da profesión de Enxeñeira/o de Telecomunicación. Ademais, impártense de xeito interuniversitario os mestrados en Ciberseguridade (MUniCS), en Matemática Industrial (M2I), en Visión por Computador e o de Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (MQIST). Máis información en www.teleco.gal
Sobre ICANN
ICANN é o acrónimo de Internet Corporation for Assigned Names and Numbers. A ICANN é unha entidade sen fins lucrativos, multilateral, que organiza a concesión de dominios e de enderezos IP no mundo. ICANN dedícase a preservar a estabilidade de Internet por medio de procesos basados no consenso.