A Culturgal ven de recibir o recoñecemento estatal da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación, na liña de Acción e Promoción Cultural. Por ese e outros motivos falamos con elas da súa traxectoria.
Pregunta: Quen sodes e que facedes?
Resposta: Culturgal é por definición a Feira das Industrias culturais de Galicia. Un evento xestionado polas principais agrupacións profesionais de empresas culturais. A Asociación galega de editoras AGE, Escena Galega que agrupa ás compañías de artes escénicas, a Asociación galega de empresas musicais AGEM, as produtoras audiovisuais agrupadas en AGAPI, e as empresas de internet e tecnoloxía representadas pola EGANET
Culturgal é unha Feira con máis de cen expositores que celebra neste 2021 14ª edición cunha media de 14.000 visitantes por edición. Ofrece o público especializado e xeral 5 espacios/escenarios funcionando durante 3 días simultaneamente. En total pódense ver 120 actividades culturais de todas as disciplinas, presentacións literarias, teatrais e musicais, cinema, arte contemporanea, todas durante o último fin de semana de novembro e habitualmente na cidade de Pontevedra.
P: Un pequeno resumo da vosa historia e dos vosos principais traballos ou actividades neste tempo
R: A asociación que promove a Feira impulsou esta actividade desde hai 14 anos e con 14 edicións. O proxecto atopou en Pontevedra un espazo no que desenvolverse, converténdose nesa fin de semana no centro cultural de Galicia. A misión de Culturgal: ser un bo escaparate da acción cultural para o público xeral e o especializado. Co tempo tamén nos demos conta doutra bondade da Feira, que ten que ver co aspecto máis humano do noso traballo e con ser unha cita anual para moita xente da cultura que se reencontra, e máis neste 2021, en Pontevedra.
P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?
R: Apostamos fortemente pola Feira presencial pero queremos contemplar con igual intensidade a incorporación dunha televisión cultural, CULTURGAL TV de fin de semana e poder conectar cos públicos que non se poden desprazar fisicamente á Feira, a población mais distante do lugar de celebración e a población na diáspora.
P: Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?
R: Sen que soe pretencioso, de feito nos xa éramos Cultur.gal antes de existir o domínio no 2013. O rexistro da nosa marca é de maio do 2001 e exactamente é “Cultur.gal”
P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal?
R: Identificación plena coa cultura galega que é o noso leit-motiv e razón de existir.
P: Hai algunha outra cousa que nos queirades comentar?
R: Longa vida a PuntoGal, agradecemento ao seu traballo xeral e ademais un agradecemento máis concreto polo seu apoio e presenza todos os anos na Culturgal.