A empresa traballa en colaboración con servizos recoñecidos de reporte de ameazas e investigadores independentes e emprega, entre outras ferramentas, tecnoloxía baseada en intelixencia artificial permitindo alertas temperás aos dominios e facilitando medidas proactivas para minimizar os posibles problemas.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025 – PuntoGal ven de integrar IQ.Global, empresa líder en solucións tecnolóxicas e xestión de dominios, nos servizos de monitorización dunha comunidade de dominios, co obxectivo de mellorar a seguridade, estabilidade e eficiencia na xestión de espazos dixitais. Esta colaboración permitirá un seguimento máis preciso das actividades en liña, garantindo unha resposta rápida ante posibles ameazas ou anomalías.
A través desta incorporación, PuntoGal suma a unha empresa de ampla experiencia en análise de datos e intelixencia artificial aplicada á vixilancia de dominios, facilitando unha detección temperá de problemas como phishing, malware ou usos indebidos. A súa tecnoloxía avanzada permitirá ofrecer informes detallados, alertas en tempo real e recomendacións estratéxicas para a comunidade de dominios.
“Asegurar que a comunidade de PuntoGal opere de forma segura e eficiente é clave para o ecosistema dixital. A nosa colaboración con iq.global reforzará a protección dos usuarios e mellorará a fiabilidade das marcas e webs integradas en PuntoGal”, afirmou Darío Janeiro, director xeral do dominio. “A través desta alianza, esperamos mellorar significativamente a capacidade de reacción fronte a ameazas en tempo real, garantindo unha maior confianza para os titulares de dominios e os seus usuarios finais, cun sistema de alertas aos xestores dos dominios no momento no que se detecte actividade sospeitosa”, remarcou Janeiro.
Puntogal reafirma así o seu compromiso coa seguridade en liña e continúa incrementando o seu traballo en ciberseguridade, que inclúe a súa adhesión ao nodo ciber.gal, a Global Cyber Aliance, IWF, Non Profit Cyber ou Women4Cyber consolidándose como un referente no ámbito da protección aos usuarios.