Extracto da entrevista realizada ao director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro no número 27 da revista do Clúster da Comunicación de Galicia da edición de inverno de 2021
Con que obxectivos xorde PuntoGal?
PuntoGal é froito dun longo traballo de moitas persoas e entidades que, aló polo 2006, iniciaron o proceso de conseguir diante de ICANN, o organismo que xestiona a rede a nivel internacional, un dominio propio para Galicia. Ese obxectivo, acadado finalmente en xuño de 2013, permítenos ter un identificador propio en internet, que nos visibiliza nun mundo globalizado e hiperconectado. PuntoGal é un símbolo dunha Galicia moderna e dinámica, orgullosa do seu. Pero é algo máis. O traballo do dominio céntrase en tres ámbitos fundamentais: a expansión e crecemento do número de rexistros, a representación de Galicia nos foros internacionais de internet e o desenvolvemento dun programa corporativo de apoio a iniciativas que supoñan para o país unha mellora no ámbito das TIC, a lingua, a cultura ou a sociedade en xeral.
Recentemente, PuntoGal sumouse á Global Cyber Alliance. Que supón para a asociación esta adhesión?
A incorporación de PuntoGal á Global Cyber Alliance é un paso máis que damos fronte a unha das nosas principais preocupacións: a seguridade na rede. Como xestor dunha infraestrutura crítica como un dominio, somos moi conscientes de que gran parte da nosa vida está hoxe nos datos que intercambiamos, publicamos ou gardamos usando distintas ferramentas tecnolóxicas. Non podemos ser alleos aos riscos que iso supón. Por ese motivo, PuntoGal traballa continuamente non só en facer que este dominio sexa especialmente seguro, senón en situarnos como un actor de referencia no ámbito da seguridade en Galicia, especialmente na creación dunha sensibilidade da cidadanía sobre este tema.
Hai suficiente formación en materia de ciberseguridade nas empresas galegas?
Cada vez hai máis e cada vez hai unha maior sensibilidade cunha cuestión crítica no funcionamento de calquera empresa ou institución. Pero neste tema sempre hai que estar en movemento, actualizándose, analizando novos riscos posibles, mantendo os ollos abertos.
As organizacións que se suman ao dominio PuntoGal que teñen en común?
Afortunadamente, temos un parque de dominios cada vez máis diverso. En PuntoGal hai pequenas e grandes empresas, institucións, entidades sen ánimo de lucro ou particulares. A administración pública galega usa maioritariamente o dominio e cada vez máis concellos tamén. Outras institucións relevantes, como as Universidades, son usuarias do PuntoGal. Hoxe sumamos máis de 6.200 dominios rexistrados.
E as empresas rexistradoras, que condicionamentos deben cumprir?
Os rexistradores son pezas fundamentais no funcionamento dun dominio. No caso de PuntoGal son máis de trinta empresas que se encargan de comercializar o noso rexistro. Todas eles deben cumprir cuns estritos niveis de calidade que marca ICANN, polo que son entidades profesionais que prestan ademais outros servizos como de hosting ou de comercio electrónico. No dominio colaboramos con todos eles de formas moi diversas, desde a paquetización de produtos a campañas promocionais ou iniciativas conxuntas.
A que se debe o incremento constante do número de adhesións?
O crecemento de PuntoGal é constante desde que se lanzou a fase de pioneiros, na que un grupo de empresas e entidades asumiron o reto de lanzarse co uso dun dominio que estaba comezando, cousa que sempre lles agradeceremos. Desde entón, seguimos aumentando a nosa base de forma continúa. Claro que sempre che gustaría ir máis rápido, pero o importante é seguir crecendo. Para nós é igual de importante o feito de que máis do 90% dos dominios que se rexistran, renóvanse. Esa taxa de fidelidade demostra o compromiso dos usuarios. Para favorecer o crecemento estamos a realizar accións como a apertura do rexistro de dominios premium de un e dous caracteres, a paquetización de produtos na que profundizaremos en 2022 e constantes campañas de rebaixa de prezo.
Cales son as principais liñas de promoción da cultura galega que se desenvolven dende PuntoGal?
Como dicía ao principio da entrevista, en PuntoGal mantemos un programa corporativo de apoio a iniciativas en distintos ámbitos. Obviamente, a lingua e a cultura galega son fundamentais nese roadmap. Mantemos, por exemplo, unha liña de apoio á creación de contidos en galego nas novas plataformas, co patrocinio de podcast, emisións en Twitch ou contidos específicos en medios de comunicación. Organizamos coa Real Academia Galega un certame de micro-relatos, que convocamos todos os meses de febreiro, no que participan arredor de 1.500 persoas. Apoiamos ao Museo do Pobo Galego nun ambicioso programa de conservación do patrimonio inmaterial galego no marco do proxecto APOI. Pero tamén colaboramos noutros ámbitos. Por exemplo, patrocinamos as Gaélico Escolas, un proxecto deportivo para que os máis novos practiquen e coñezan un deporte como o fútbol gaélico, ou organizamos xunto con GCiencia os premios Spin-Off PuntoGal para destacar o traballo no ámbito da ciencia e a investigación nas universidades galegas.
Porque apoian os Premios Paraugas como patrocinadores?
PuntoGal, como non pode ser doutro xeito, forma parte do Clúster da Comunicación. Consideramos que os Paraugas son un escaparate magnífico do ben que se traballa no ámbito da comunicación, a publicidade e o márketing en Galicia, tamén no ámbito da rede. De aí o noso apoio, que tamén se manterá en 2022, amosando a nosa decidida presenza no sector.