Desde PuntoGal queremos recibir o ano 2021 como merece: organizándonos. Porque toca desquitarse de todo o que non fixemos no ano que remata. Viaxes, celebracións, visitas e todo tipo de actividades que deixamos pendentes desde o pasado marzo e que agora nos toca recolocar para recuperar o tempo perdido, desde o momento que as vacinas estean repartidas e sexa seguro reiniciar a vida normal.
Por iso, ademais de ofertar un prezo especial para mercar un dominio por un ano, temos un agasallo para todos: unha axenda. E como non vola podemos entregar en man, tedes que dedicar un rato a facer traballos manuais: Se queredes unha axenda para pegar no taboleiro, na neveira ou na parede, só hai que imprimila. Se a queredes de peto, hai que imprimila en papel adhesivo e recortala para pegala onde vos veña mellor: no caderno, na carpeta, na contraportada do libro de texto ou no lapiseiro.
E para que non se diga que non aproveitamos o papel adhesivo, nos anacos que sobran tedes figuras para que organizar o ano sexa un pouco máis divertido.
Se aínda tedes dúbidas, podedes descargar a axenda aquí: i.gal/axenda. E para que vexades que é doado, aquí tedes un vídeo coas
instrucións.