Logotipo PuntoGal
Logotipo PuntoGal
M

Rexistro

Promocions

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Asociaciones

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

i.gal

velaqui.gal

DGI

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Dominio

PuntoGal

Rexistro

Promocións

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Asociacións

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender .gal

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

Guías

Consellos

i.gal

velaqui.gal

Equipo de asnosas.gal
23/11/20
asnosas.gal, o deporte galego en feminino

Entrevistamos a Silvia Carregal, directora de asnosas.gal, un portal de novas deportivas en feminino, sobre o papel da muller no deporte e o sitio que ten o deporte na vida das mulleres galegas.

Pregunta: Quen sodes e que facedes?

Resposta: Somos As Nosas, un xornal dixital que centra os seus contidos en visibilizar o papel da muller no deporte en Galicia. A creación deste medio foi pensada para lle dar ás féminas o protagonismo que merecen neste eido e que non estaban tendo. Aportamos unha visión de xénero e tentamos fomentar no día a día valores como a igualdade, o respecto, a superación, a competitividade sá e ao mesmo tempo á sororidade. Queremos poñer en valor que a práctica deportiva incorpórase dentro de hábitos de vida saudables.

Informamos, visibilizamos e con iso cremos que colaboramos no empoderamento das galegas no deporte.

Non so nos centramos en deportistas en activo, falamos de pioneiras e tamén de xuízas, adestradoras, seareiras ou directivas, por exemplo.

Damos conta de informacións sobre deportes habituais noutros medios deportivos como fútbol o baloncesto. Tratamos tamén outras modalidades como balonmán, fútbol sala, voleibol, hoquei a patíns, atletismo, patinaxe, ciclismo, roller derby, skate, karate, rugby, taekwondo, surf, motor, halterofilia, bádminton, loita, natación, vela, waterpolo… a lista é moi longa. Non imaxinades a cantidade de disciplinas deportivas que se practican en Galicia. Moita xente se sorprende da variedade.

P: Cal é a vosa historia e os vosos principais traballos ou actividades neste tempo

R: Empezamos a nosa andaina en xaneiro de 2020. Durante os meses previos estivemos pulindo a web e establecendo contactos cos diferentes clubs, deportistas, federacións, para que nos coñecesen e soubesen do noso proxecto. Aproveitamos para ir facendo un pequeno histórico previo para que o xornal As Nosas saíse con contidos en todas as seccións.

Tiñamos en mente poder dar unha boa cobertura dos Xogos Olímpicos de Tokio e o papel que as deportistas galegas terían nesa cita, pero chegou a COVID-19 e adiou a cita. Tamén supuxo a finalización abrupta das competicións.

No inicio da pandemia fomos informando sobre o que acontecía cas citas deportivas, cos ascensos, descensos, etc. Logo, durante o confinamento, estivemos ofrecendo información sobre como as deportistas galegas facían fronte a unha etapa na que a práctica deportiva se vía confinada aos seus domicilios. Foi moi interesante dar conta da inventiva que moitas xogadoras e clubs lle puxeron a este tempo para manterse activas, conservar dinámicas de grupo e non perder de vista as súas disciplinas deportivas.

Coa volta das competicións, aínda que tendo presentes os estritos protocolos que cada disciplina ten, o deporte volveu a manter unha certa normalidade na regularidade de contidos pese aos aprazamentos constantes de competicións por mor de positivos que illan a grupos de deportistas. Os protocolos están sendo estritos para preservar a saúde das deportistas e a súa contorna.

Nestes meses non so falamos de competicións e resultados, tamén fixemos reportaxes sobre a muller no mundo do deporte desde perspectivas sociais, ou de saúde.

Algúns exemplos son a reportaxe que publicamos sobre como afrontan as deportistas a maternidade. En ‘A difícil decisión de ser nai cando es deportista’ quixemos aportar tres xeitos diferentes de vivir esa experiencia. Falamos con tres mulleres deportistas que decidiron ser nais en momentos distintos da súa carreira deportiva.

Outra reportaxe que fala do deporte máis aló da competición, como un recurso social para mantérmonos activas e que da conta de que a actividade física non ten idade, é o que fixemos sobre o Cachibol. Máis que cachibol, é unha ilusión fala dun grupo de mulleres e homes (é un deporte mixto) que pese a ter xa certa idade reúnense regularmente para adestrar e xogar en Ourense a unha variedade deportiva que garda similitudes co voleibol. Para elas o máis importante é a relación social que se xera. A actividade tira delas para saír, relacionarse e manterse activas.

Co gallo do 8M fixemos unha reportaxe coral para, falando coas protagonistas, intentar dilucidar se o papel da muller no deporte en Galicia era igualitario. E hai pouco, no Día Mundial contra o Cancro de Mama, falamos cun colectivo vigués que fai marcha nórdica e que participa nun estudio sobre os beneficios desta técnica deportiva nas persoas operadas deste tipo de tumor.

Como vedes en As Nosas non so hai previas, crónicas e clasificacións, hai moito máis.

P: Cales son os vosos plans de futuro? Cara onde queredes ir?

R: Queremos que a parte de reportaxes máis atemporais medre. Buscamos ofrecer á audiencia unha proposta informativa diferenciada coa muller galega como o eixo fundamental, pero que poida amosar o seu papel neste contexto desde diferentes ángulos.

P.Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?

R: A nosa web é asnosas.gal. Eliximos ese nome por que íamos falar das nosas deportistas, das nosas mulleres. No mundo do deporte adoita haber un sentido de pertenza a unhas cores. Nós queriamos trasladar a idea de que eramos seareiras delas, das nosas deportistas galegas.

P: Que pensades que vos ofrece o dominio .gal?

R: Para empezar identifícanos cunha lingua, o galego, que é lingua vehicular en As Nosas. Consideramos que se iamos falar da muller no deporte en Galicia o consecuente era facelo en galego. Cando alguén ingresa nun dominio .gal asume que os seus contidos estarán en galego.

Formamos parte dunha comunidade con unha lingua propia que nos fai persoas únicas e contar con espazos na internet que ofrezan contidos de todo tipo, tamén deportivos, fai que a nosa idiosincrasia se vexa reflectida en toda a súa extensión nunha canle de comunicación que é maioritaria no noso tempo.

O .gal nos identifica dentro do colectivo galego que é ao que nos diriximos.

P: Moitas grazas, Silvia. Hai algunha outra cousa coa que vos queirades despedir?

R: Pouco máis que engadir. Dárvos as grazas por permitirnos dar a coñecer o noso medio a quen, se cadra, aínda non o coñece e convidar a quen nos lea neste espazo a que se pase por www.asnosas.gal e descubra todo o que o deporte en feminino ten para ofrecer. Nas redes sociais somos @asnosasdeportes podedes atoparnos en Twitter, Facebook, Instagram e YouTube. Vémonos na rede!

Compartir

Compartir