Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018.- PuntoGal, o dominio galego en internet, celebra este ano o Día das Letras, dedicado a María Victora Moreno, e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha atractiva rebaixa no prezo dos novos dominios rexistrados. Nos rexistradores sumados a esta promoción, realizada en colaboración con ReiZentolo, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 17 euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes dende o día 15 e ata o 31 de maio.

         A promoción de .GAL inclúe un agasallo especial. Todas aquelas persoas que merquen un dominio durante o tempo de duración da campaña, e ata fin de existencias, recibirán unha camiseta deseñada por ReiZentolo para PuntoGal. Unha vez verificada a compra, .GAL remitirá por correo postal a camiseta. A promoción está limitada ós primeiros cen dominios rexistrados, nas tallas dispoñibles.

Para poder aproveitar a promoción, os interesados deben dirixirse ás empresas rexistradoras Dinahosting, NomIQ-CumLaude, Arsys, Openprovider e Blacknight que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos dende 15,15 ata 17 euros máis IVE. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades. Toda a información atópase na páxina www.dominio.gal/promocions/.

PuntoGal segue traballando para mellorar o prezo do dominio, ademais de lanzar promocións como esta para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega, sigan a facelo. A asociación amósase igualmente satisfeita de que as porcentaxes de renovación dos dominios sigan sendo moi altas.

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.