Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024.- PuntoGal, xunto cos dominios .cat e .barcelona quere contribuir á celebración do día europeo das linguas, o próximo día 26 de setembro, cunha promoción conxunta. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal (ou .catuo .barcelona) por un prezo máximo de 5 euros máis IVE entre o 16 de setembro e o 11 de outubro.
O Consello de Europa propuxo no ano 2001 a celebración deste día para facer conscientes aos europeos da riqueza lingüística do noso continente, e como reflexa un grande patrimonio cultural que se mantén vivo a través delas.
Estes tres dominios, que dan cobertura á diversidade lingüística de case doce millóns de falantes en varios estados de Europa, quérense sumar a esta xornada de celebración e orgullo na que compartir a diversidade e ver esta riqueza como unha ferramenta de comunicación e entendemento.
Para poder aproveitar a promoción de desconto nos prezos do .gal é preciso dirixirse ás empresas rexistradoras Don Dominio, OVH, Open Provider, SW Hosting, Netim, Gransy, Gandi, INWX, Blacknightl, Dinahosting, cdmon ou Arsys, que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades. Toda a información atópase na páxina www.dominio.gal/promocions/.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.100 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre PuntCat
A Fundació .cat é unha entidade privada sen ánimo de lucro nin filiación política que xestiona o dominio .cat. Ten como obxectivos promover actividades referentes á xestión e promoción do dominio .cat, impulsar a identidade catalá e a normalización do uso do catalán no ámbito de Internet e as TIC. O dominio .cat naceu en 2006 e foi o primeiro dominio asociado a unha comunidade lingüística e cultural.
Sobre .Barcelona
O .barcelona é o dominio de Internet que che permite presentarte ao mundo indicando a túa relación con Barcelona. O Concello de Barcelona obtivo o dominio .barcelona en 2015 para dotar dun identificador na rede a todos aqueles que desexen ter unha presenza en liña asociada ao nome e aos valores da cidade.