PuntoGal, en colaboración cos dominios .cat, .barcelona e .eus, celebra o Día Europeo das Linguas, o vindeiro 26 de setembro, co lanzamento dunha promoción conxunta. A oferta só será válida para novos rexistros, as persoas interesadas poderán obter o seu dominio .gal (.cat, .barcelona ou .eus) por un prezo máximo de 5€ máis IVE. O período de validez da promoción transcorre dende o 22 de setembro ata o 19 de outubro de 2025.
O Consello de Europa propuxo a celebración deste día no ano 2001 coa fin de concienciar aos cidadáns europeos da riqueza lingüística do noso continente, a cal serve de mostra do gran patrimonio cultural que pervive grazas a estas linguas presentes en Europa.
Os catro dominios que presentan esta promoción, que engloban no seu conxunto a diversidade lingüística de case trece millóns de falantes en varios estados de Europa, súmanse á xornada de celebración e orgullo para compartir a diversidade e ver esta riqueza coma unha ferramenta de comunicación e entendemento.
Para poder aproveitar a promoción de descontos nos prezos de .gal, cómpre dirixirse ás empresas rexistradoras Netim, OVHcloud, Dinahosting, Blacknight, INWX, Cdmon, Openprovider, DonDominio, SW Hosting, Corehub, Marcaria, Entorno, Nominalia e Arsys, que ofrecen diferentes políticas de prezos e servizos co rexistro de novos dominios. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na oferta para dar coa que mellor se adapte ás súas necesidades. Toda a información áchase na páxina https://dominio.gal/promocions/.











