Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2018.- PuntoGal, o dominio galego en internet, acudirá a 63 ICANN Meeting que se celebra en España por primeira vez. O evento terá lugar entre os días 20 e 25 de outubro na cidade de Barcelona.

A ICANN, o organismo que regula internet a nivel mundial, escolleu o Centro de Convencións Internacional de Barcelona (CCIB) para a súa reunión central do ano, na que se abordarán diversos temas que afectan á gobernanza da rede. PuntoGal contará cun stand compartido con outros dominios onde se informará sobre o dominio que representa á comunidade galega na rede, o .GAL, ademais de tomar parte en distintas reunións con empresas e entidades do sector. Para a ocasión, o dominio realizou distinto material promocional, que lle será entregado aos asistentes ao congreso.

Entre as accións programadas pola asociación figura a reunión anual que os dominios .eus, .cat e .gal manteñen cos rexistradores cos que traballan habitualmente, onde se presentarán as accións a desenvolver no vindeiro ano. Esta xuntanza celebrarase o venres, día 26, como peche das actividades en Barcelona. O ano pasado esta sesión foi organizada por PuntoGal en Santiago de Compostela.

Igualmente, os representantes do dominio participarán durante a semana na reunión do Grupo dos GeoTLDs, do que .GAL forma parte. O grupo é unha organización internacional sen ánimo de grupo que representa os intereses dos dominios de primeiro nivel xeográficos que identifican a unha cidade, rexión, lingua ou cultura.

ICANN celebra reunións internacionais tres veces cada ano en distintos lugares do mundo cunha duración de cinco días e varias sesións previas preparativas. A xuntanza, que é de acceso libre unha vez feito o rexistro, inclúe grupos de traballo, foros abertos e reunións de traballo arredor do desenvolvemento de internet. O encontro, auspiciado polo Ministerio de Economía e Red.es, pode seguirse remotamente vía streaming.

Máis información na páxina oficial do encontro, aquí: https://meetings.icann.org/en/barcelona63

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.