Santiago de Compostela, 2 de xuño -. O dominio PuntoGal súmase á iniciativa Compra do Noso, promovida polo Clúster da Comunicación de Galicia, para fomentar o consumo de produtos e servizos galegos. A nova marca busca axudar na reactivación da economía e potenciar o emprego logo da crise do coronavirus.

O proxecto, promovido polo Clúster da Comunicación de Galicia, xa conta co apoio de 22 entidades, entre as que figuran confederacións de empresarios galegos, clústeres, cámaras de comercios e outras asociacións.

Compra do Novo xurdiu para potenciar os servizos, industrias e comercios de proximidade. Segundo sinala o Clúster, iníciase agora “un camiño no que toda a sociedade debe ser quen de camiñar xunta cara a este obxectivo común de salvar o noso tecido industrial e comercial. Queremos que esta sexa unha marca patrimonio da sociedade galega”.

PuntoGal súmase á iniciativa incluíndo a imaxe da marca na súa web. Ademais, fará referencia nas súas páxinas e redes sociais das novidades referidas á campaña. O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinala que “Compra do Noso é un selo de pertenza e de apoio ao noso tecido económico que encaixa á perfección cos valores de PuntoGal. Por ese motivo, dámoslle os parabéns ao Clúster da Comunicación pola iniciativa e axudaremos na divulgación e emprego deste distintivo”.