Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.- PuntoGal, o dominio galego en internet, acudirá a 66 ICANN Meeting que se celebra en Canadá. O evento terá lugar entre os días 2 e 7 de novembro na cidade de Montreal.

A ICANN, o organismo que regula internet a nivel mundial, escolleu o Palais de Congrès de Montréal para a súa reunión central do ano, na que se abordarán diversos temas que afectan á gobernanza da rede, entre os que figuran cuestións como protección de datos ou a seguridade en internet.

Igualmente, os representantes do dominio participarán durante a semana na reunión do Grupo dos GeoTLDs, do que .GAL forma parte. O grupo é unha organización internacional sen ánimo de grupo que representa os intereses dos dominios de primeiro nivel xeográficos que identifican a unha cidade, rexión, lingua ou cultura.

ICANN celebra reunións internacionais tres veces cada ano en distintos lugares do mundo cunha duración de cinco días e varias sesións previas preparativas. A xuntanza, que é de acceso libre unha vez feito o rexistro, inclúe grupos de traballo, foros abertos e reunións de traballo arredor do desenvolvemento de internet. O encontro pode seguirse remotamente vía streaming.

Máis información na páxina oficial do encontro, aquí: https://meetings.icann.org/en/montreal66

REUNIÓN REXISTROS-REXISTRADORES

PuntoGal participou ademais, os días 17 e 18 de outubro, na reunión anual cos rexistradores do dominio, que organizan conxuntamente .eus,.cat,.barcelona, .madrid e .gal. No encontro fíxose unha planificación das actividades para o vindeiro ano, unha análise do sector e unha posta en común de proxectos. A xuntaza serviu tamén para que os dominios intercambiasen informacións e fixeran o seguemento das iniciativas que manteñen en común. O marketing, as promocións e a divulgación formaron parte da orde do día das distintas mesas de traballo celebradas en Donostia.

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.