Santiago de Compostela, 29 de abril – PuntoGal, en colaboración con Dinahosting e Cdmon, lanza o programa ‘Abre na rede!’, dirixido a empresas e autónomos afectados polo cese obrigatorio da súa actividade debido á crise sanitaria causada polo Covid-19. O proxecto consiste nun pack cun dominio .gal máis aloxamento web, ambos gratuitos durante un ano. Con esta medida, o dominio quere axudar no proceso de dixitalización dos sectores máis afectados pola pandemia: hostalaría, comercios, turismo ou cultural, entre outros.

Abre na rede! é unha ferramenta que posibilitará aos autonómos e pequenos negocios que non dispoñan de actividade en internet acceder sen custe a un dominio e aloxamento web durante o primeiro ano. O programa, que forma parte da acción social do dominio .GAL, conta coa colaboración de Dinahosting e CdMon.

As persoas interesadas en participar teñen que cubrir o formulario establecido para tal fin na páxina web www.dominio.gal/abre-na-rede/. Para recibir o pack de Abre na rede! é necesario cumprir coas condicións da promoción, dispoñibles tamén no enderezo anterior. O número de dominios dispoñibles é limitado, polo que as peticións se atenderán por orde de chegada.

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que “esta crise aféctanos a todos, e todos debemos colaborar na súa solución. Por iso, dende o dominio queremos botar unha man para axudar aos comercios locais, bares, restaurantes ou salas de concertos que non poden abrir, así como aos músicos ou artistas que non poden actuar, a abrir unha fiestra na rede na que poder seguir comunicándose cos seus clientes ou ofrecendo os seus servizos”. “É importante axudar neste momento e tanto desde PuntoGal como desde os rexistradores que se sumen a este iniciativa queremos poñer nas mans do tecido económico máis afectado ferramentas para aliviar un pouco os efectos do confinamento e xerar novas oportunidades”, engadiu.

O programa de dixitalización Abre na rede! súmase a outras medidas tomadas polo dominio durante a crise da Covid-19, como a eliminación temporal da taxa de restore nas renovacións dos dominios ou a sinatura de convenios con entidades profesionais para ofertar os dominios a un prezo asequible.

PuntoGal segue teletraballando con normalidade. Os seus servizos técnicos e administrativos están plenamente operativos. O dominio atende calquera dúbida ou suxestión no correo electrónico info@dominio.gal ou as súas redes sociais.