Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020.- PuntoGal recibe este especial mes de setembro e o inicio do curso cunha atractiva rebaixa no prezo dos novos dominios. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 10 euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes todo o mes, dende o día 1 e ata o 30 de setembro.

Para poder aproveitar a promoción, é preciso dirixirse ás empresas rexistradoras Dinahosting, DonDominio, Blacknight, Openprovider, Entorno Digital, Arsys e OVH.com, que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades. Toda a información atópase na páxina www.dominio.gal/promocions/.

PuntoGal, que xa supera os 5400 dominios rexistrados, segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo, e máis nun escenario tan complexo como o que deriva da pandemia da Covid-19.

Esta campaña complementa as iniciativas que PuntoGal levou a cabo durante estes meses, como #AbreNaRede, que proporcionou dominio + aloxamento de balde a negocios ou artistas confinados, o adiamento das taxas de restore, ou o concurso ‘Vinte con otros ollos’, prolongando durante todo o mes de setembro as vantaxes e oportunidades de ter presenza na rede a quen o precise.

O dominio segue a manter o seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades xa realizadas figura a colaboración coa localización en galego do navegador Firefox, o concurso de microrrelatos coa RAG, o apoio ó Día das Rapazas nas TIC do CESGA, a First Lego League Galicia ou o patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico. O dominio forma parte, igualmente, da Asociación internacional de dominios Geotlds, do RYSG Group e participa activamente das actividades da ICANN, organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial.

Máis información en www.dominio.gal ou no 670226268. O dominio é voso.