Padrón, 3 de febreiro de 2017.- PuntoGal, o dominio galego en Internet, e a Fundación Rosalía celebran o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha baixada relevante no prezo de rexistro dos dominios. As persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 5 euros máis IVE ata o día 28 deste mes rexistrándoo cun dos 9 rexistradores acreditados e que participan nesta promoción.

O día 24 de febreiro celebrarase o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, e a Asociación PuntoGal e a Fundación que leva o nome da escritora únense para reivindicar a figura da autora de Follas Novas. Durante o mes de febreiro o rexistro dun novo dominio .gal pode facerse por un prezo moi reducido: dende 4,15€ ata 5€ máis IVE. Os rexistradores acollidos a esta promoción son: Dinahosting, Entorno Digital, Host Europe, Don Dominio, Nominalia, Arsys, CDMon, OVH.com e Openprovider. Quen estea interesado pode dirixirse directamente a calquera deles e revisar as súas condicións ou ben entrar en: http://dominio.gal/promotion/promocion-rosalia/ onde atopará toda a información e un resumo do ofertado polas diferentes empresas rexistradoras. A nova promoción estará aberta durante todo o mes de febreiro.

A iniciativa foi presentada esta mañá en Padrón na sede da Fundación Rosalía de Castro. No acto estiveron presentes a directora xeral de PuntoGal, Edita de Lorenzo, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o presidente de PuntoGal, Manuel González e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística. Anxo Angueira sinalou que “A Fundación está orgullosa desta colaboración porque Rosalía é un emblema de Galicia e polo tanto tamén unha boa embaixadora do .gal”. Pola súa banda, Manuel González celebrou a colaboración entre as entidades e dixo que “PuntoGal leva no seu ADN traballar en prol da cultura e da lingua polo que seguiremos a traballar en accións como a que hoxe presentamos con estas e outras institucións da nosa comunidade”.

Se ben a día de hoxe aínda non é posible igualar o prezo do .gal ó dos dominios máis populares, a asociación fai este esforzo para que todas aquelas persoas que queiran visibilizarse na rede, vinculándose á comunidade galega, poidan facelo a un prezo moi asequible para todos. “PuntoGal acaba de superar os 3.500 dominios rexistrados, unha cifra relevante e ilusionante”, sinalou Edita de Lorenzo. De todas maneiras, “aínda queda camiño por facer. Temos que aumentar o número de dominios para afrontar unha reducción permanente e significativa no prezo”. A asociación amósase igualmente satisfeita de que as porcentaxes de renovación dos dominios sexan moi altas.

PuntoGal porá en marcha nos vindeiros días unha campaña nos medios e nas redes sociais na que se representa a Rosalía cuns versos adaptados para a ocasión.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia apoia esta iniciativa que favorece a extensión da lingua galega en Internet. PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.

*Aquí podedes atopar a nota de prensa da Secretaría Xeral de Política Lingüística.