Santiago de Compostela, 15 de maio de 2017.- PuntoGal, o dominio galego en internet, celebra este ano o Día das Letras, dedicado a Carlos Casares, e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha nova rebaixa no prezo dos dominios rexistrados. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 17euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes dende o día 17 e ata o 31 de maio. O rexistro, que cumpre agora tres anos dende a súa delegación, conta xa con máis de catro mil dominios rexistrados, entre os que figuran institucións, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares.

                                    Para poder aproveitar a promoción, os interesados deben dirixirse ás empresas rexistradoras Dinahosting, Entorno Digital, Arsys, Host Europe, Openprovider e Ovh.com que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos dende 16,15€ ata os 17€ máis IVE. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades. Toda a información atópase na páxina www.dominio.gal/promocions/.

                                     PuntoGal porá igualmente en marcha unha campaña de publicidade que aparecerá en distintos medios de comunicación e nas redes sociais na que se representa unha típica feira galega con dominios á venda en oferta. Para esta acción, o dominio mantén a súa liña publicitaria na que referencia, de maneira moderna, elementos da cultura e a sociedade galega. Varias das campañas de PuntoGal recibiron premios en festivais de publicidade.

Lanzamento de Velaquí.gal

                                    O dominio, en colaboración co rexistrador galego Dinahosting, pon en marcha este 17 e maio Velaquí.galun servizo de intercambio de arquivos. No enderezo velaqui.gal, os usuarios poderán compartir de maneira sinxela e segura ficheiros de ata 2Gb de maneira gratuita. Na páxina só hai que indicar quen envía e quen recibe, unha mensaxe para o destinatario e xuntar o documento.

                                    O sistema permite compartir ficheiros en múltiples formatos así como a subida de maneira simultánea de moitos documentos na mesma solicitude. O usuario pode limitar o número de descargas vinculadas a cada envío, cifrar cada solicitude por medio dun contrasinal para incrementar a privacidade e enviar o documento ata a un máximo de vinte enderezos de correo electrónico. As ligazóns remitidas caducarán aos quince días, agás que o remitente dispoña unha data anterior para que deixe de estar dispoñible. Trátase dun servizo similar que ofrecen multinacionáis como WeTransfer, pero desenvolvido e localizado en Galicia.

                                    Se ben a día de hoxe aínda non é posible igualar o prezo dun dominio .gal aos máis populares, a asociación fai esforzos coma esta promoción para que todas aquelas persoas e asociacións que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega, sigan a facelo. A asociación amósase igualmente satisfeita de que as porcentaxes de renovación dos dominios sigan sendo moi altas.

                                    PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.