A PROMOCIÓN ACTIVARASE ENTRE O 14 E O 31 DE XULLO PARA NOVOS REXISTROS

 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2017.- A Asociación PuntoGal celebra este ano o Día de Galicia cun desconto para os novos dominios, que poderán adquirirse por 25 euros, máis IVE, nos rexistradores acollidos a esta promoción.

A campaña activarase mañá, 14 de xullo, e finalizará o vindeiro 31 de xullo. Durante esas dúas semanas os dominios .GAL terán o prezo máximo de 25€ máis IVE para os rexistros novos. Os rexistradores acollidos á promoción son os seguintes: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. A información completa sobre esta acción pode atoparse no enderezo dominio.gal/promo25xullo.

A promoción acompáñase, nesta ocasión, da creatividade desenvolvida especialmente para o dominio por Rei Zentolo, socios de PuntoGal, con motivo do primeiro aniversario do dominio, en 2015. O deseño, que se publicará tanto na web como nas redes sociais, é unha homenaxe á revista Nós realizada con imaxes de inspiración tecnolóxica.

PuntoGal conta, a día de hoxe, con máis de 4.100 dominios rexistrados. A Asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.