Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2018.- A Asociación PuntoGal celebra este ano o Día de Galicia reactivando o seu Documento Galego de Identidade (DGI), un simbólico agasallo que pode personalizarse, descargarse e compartir nas redes sociais. Con esta iniciativa, a asociación quere resaltar e visibilizar o orgullo de ser galego e de dispor dun dominio propio en internet como é o .gal.

A aplicación, que se activou por vez primeira en 2016 cun gran éxito en canto a descargas, pode obterse de forma gratuíta no enderezo: http://dominio.gal/documento-galego-de-identidade/

PuntoGal conta, a día de hoxe con case 4.800 dominios rexistrados. A asociación, que celebrou en xuño o seu quinto aniversario, mantén activa unha promoción para novos dominios a través duns marcapáxinas deseñados polos estudiantes do IES Leixa de Ferrol que poden obterse en todas as Feiras do Libro de Galicia. A promoción, activa ata finais de agosto, permite mercar os dominios a 15 euros + IVE a través dun código que debe ser canxeado nos rexistradores Dinahosting e CdMon.

O dominio prepara novas iniciativas para a segunda parte do ano, entre as que se inclúe a feira Culturgal en Pontevedra ou a participación na reunión anual de Icann, o organismo internacional que regulamenta a rede a nivel global, no mes de outubro en Barcelona.

PuntoGal felicita a todas as galegas e galegos neste 25 de xullo e anima a celebrar o Día de Galicia. A Asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.