A asociación lanza un Documento Galego de Identidade na rede, presenta nova web corporativa e oferta os seus dominios a menos de 20 euros   Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016.- Baixo o lema Celebremos a Nosa Identidade, PuntoGal conmemora a festa do 25 de xullo co lanzamento dun Documento Galego de Identidade na rede, un agasallo especial para quen entre na web www.dominio.gal. Os usuarios poderán personalizalo, descargalo e compartilo nas redes sociais. Como parte desta campaña, os dominios .gal ofreceranse a menos de 20 euros (máis IVE) nos rexistradores acollidos á promoción. Finalmente, a asociación estrea nova páxina corporativa, que poderá visitarse en www.asociacion.gal. A rebaixa no prezo dos dominios estará vixente entre o 25 de xullo e o 7 de agosto nos seguintes rexistradores: 101Domain, Arsys, CdMon, Dinahosting, DonDominio, Host Europe e OVH. Toda a información sobre cada un destas empresas rexistradoras así como do prezo final para o rexistro dun novo dominio pódese atopar en www.dominio.gal/promocions/25dexullo/. PuntoGal porá tamén a disposición de quen entre na súa web un agasallo moi especial: a obtención do Documento Galego de Identidade (DGI). Quen visite a páxina web poderá conseguir o seu propio DGI personalizado, descargalo e compartilo nas redes sociais. Con esta acción lúdica, a asociación quere resaltar e visibilizar o orgullo de ser galego e de dispor dun dominio propio en internet como o .gal. A asociación conclúe tamén nesta data o proceso de renovación das súas páxinas web. En www.asociación.gal pódese atopar dende agora información sobre a asociación que sustenta o dominio dende os seus inicios. Os usuarios poderán consultar a nosa historia, os momentos máis relevantes do proceso, a listaxe de entidades asociadas ou os dominios pioneiros. Dispón tamén dunha intranet para a comunicación coas entidades asociadas. O obxectivo é que a páxina sexa o novo punto de encontro para quen queira coñecer ou apoiar o proxecto.   En paralelo renovouse recentemente a páxina www.dominio.gal, espazo dedicado á información sobre o prezo dos dominos, as campañas e ós rexistradores autorizados. Alí atópase información referente á normativa do dominio e as políticas de rexistro, unha táboa dinámica comparadora de prezos e servizos que ofrecen as preto de 40 empresas rexistradoras que traballan con .gal. Ademais das promocións tamén se poden consultar no apartado de Casos de Éxito dominios .gal. Tanto esta web como a da asociación pode consultarse, ademais de en galego, en inglés e español. O dominio informa, finalmente, que nas últimas semanas está mantendo reunións con empresas e entidades relevantes no país para involucralas máis directamente no dominio. Tamén confirmou a súa presenza, como todos os anos, na feira Culturgal que se celebrará a finais de ano en Pontevedra.

A asociación agradece, coma sempre, o apoio que recibe no día a día de asociacións de base, entidades sociais, empresas, administracións e particulares. O dominio é voso. Orgullosamente voso.