Santiago, 31 de marzo de 2017.- PuntoGal, o dominio galego en internet, está a piques de chegar aos 4.000 dominios. A boa acollida da promoción do Mes de Rosalía realizada en febreiro supuxo un importante incremento de 400 novos dominios rexistrados. Por este motivo, a Asociación decidiu iniciar de forma paulatina a rebaixa dos custes dos dominios para facilitar a súa expansión entre os particulares, asociacións, empresas e institucións do país.

                                      Dende que en maio de 2014 se puxera en marcha a primeira páxina, dominio.gal, o crecemento de rexistros é constante. Do mesmo xeito, a taxa de renovacións mantense moi elevada dende o primeiro ano, o que demostra a confianza e a vinculación dos usuarios con .gal. A Asociación empezará a rebaixar os prezos a partir do día 1 de abril, coa intención de continuar o proceso de redución do custe nos vindeiros meses segundo vaia aumentando o número de rexistros.

                                      Na táboa de rexistradores, accesible en http://dominio.gal/taboa-comparativa-de-rexistradores/, está toda a información e un resumo dos servizos ofertados polas diferentes empresas. Os interesados en rexistrar un dominio .gal deben dirixirse directamente a calquera delas tras revisar as súas condicións particulares e prezos. A información irase actualizando na páxina de dominio.gal a medida que os rexistradores axusten os seus custes. Como é habitual, os prezos poden sufrir variacións en cada un deles.

                                    A día de hoxe aínda non é posible igualar o prezo dun .gal ao dos rexistros máis populares debido ó tamaño do dominio galego e os custes ós que debe facer fronte cada ano. Sen embargo, a Asociación segue comprometida en axustalos o máximo posible cando as circunstancias así o permitan.

                                    Ademais deste proceso de baixada graduada dos prezos, .gal realizará novas promocións xerais e sectoriais nos vindeiros meses. A seguinte terá lugar no mes de maio, con motivo do Día das Letras, dedicado este ano ó escritor Carlos Casares.

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.