Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019.- Os dominios culturais, lingüísticos e xeográficos mantiveron unha das súas reunións anuais en Santiago de Compostela. O encontro, organizado por PuntoGal, tivo lugar os días 12 e 13 de setembro, no Centro Social Abanca.

Os dominios dedicaron sesións de traballo a profundizar en temas relacionados coa gobernanza da rede, protección de datos, marketing e outras cuestións técnicas e organizativas. Entre as actividades incluiuse unha recepción oficial no Concello de Santiago onde estiveron presentes representantes de todos os grupos da corporación municipal. O alcalde Xosé López Bugallo deulles a benvida aos participantes, destacou a importancia das tecnoloxías nun mundo á vez global e local, e invitounos a volver á cidade en futuras ocasións. No acto de clausura, a concelleira de Economía, Marta Abal Rodríguez explicoulles aos asistentes os proxectos que o Concello está realizando no ámbito da innovación, especialmente o referido á Smart City, denominado SMARTIAGO.

Na sesión do xoves, a directora da área de Sociedade Dixital da Amtega, Rosa Méndez, comentou a importancia deste tipo de iniciativas e incidiu no apoio ao dominio por parte da administración autonómica e a súa intención de profundizar na colaboración para consolidar a presenza do .GAL entre a sociedade.

PuntoGal aproveitou a xuntanza para manter reunións sectoriais con representantes de distintos dominios, poñer en común experiencias e preparar outras actividades para os vindeiros meses, entre as que figura a xuntanza de rexistradores que se celebrará en outubro en Donosti ou o congreso xeral de Icann do vindeiro mes de novembro en Montreal.

O Geotld Group é unha asociación que traballa para desenvolver o potencial dos geoTLDs en beneficio das súas cidades, comunidades, culturas e linguas, unha maneira de comunicar quen somos, onde vivimos e onde pertencemos. Igualmente, esta entidade forma parte do ecosistema de Icann, o organismo que xestiona a rede a nivel global, onde traballa en distintos proxectos e fai visible este tipo de dominios na comunidade internacional.

Patrocinio da WordCamp de Pontevedra

Esta fin de semana, PuntoGal continuará coas súas actividades participando na WordCamp de Pontevedra, da que é patrocinador Prata. O dominio contará cun stand no evento, onde tamén estará presente a AETG, coa que PuntoGal mantén un lonxevo convenio de colaboración.

A WordCamp Pontevedra, que se celebra na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, é un evento para programadores e público en xeral que inclúe actividades como charlas sobre deseño, webs multi-idioma, legalidade e protección de datos. Máis información en i.gal/Gz65v.