Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2016.- Este xoves a ICANN organizou na sede da Fundació PuntCAT en Barcelona unha mesa redonda centrada no impacto e as oportunidades creadas pola introdución dos novos dominios de Internet, entre os que figura o .gal, así como nos importantes desenvolvementos que darán forma ao futuro da Rede. Neste foro participaron representantes da European Broadcasting Union (operadores do dominio .radio) e dos rexistros locais .eus, .cat, .barcelona e .gal.

O debate xirou ao redor de como as marcas, as cidades e outras comunidades xeográficas están a empregar os novos dominios de Internet de xeito innovador en beneficio tanto do seu negocio como das persoas e usuarios finais. O representante de ICANN no foro, Andrea Beccalli, comentou que «os novos dominios de Internet teñen todo o potencial para revolucionar o panorama de Internet en España, en particular reforzando as características das diferentes identidades e idiomas do país en Internet».

Entre as observacións realizadas durante a sesión de intercambio de experiencias entre os rexistros locais, Josu Waliño, director xeral da Fundación PuntuEUS, asegurou que os dominios xenéricos de nivel superior «permiten un novo nivel de liberdade dixital, unha Internet máis aberta, e están, no caso das cidades e rexións, estreitamente relacionadas coa creación dunha comunidade lingüística e cultural», salientando que o proxecto do .eus naceu da sociedade, de aí que é normal que sexan os cidadáns os que estean a facer medrar esta comunidade lingüística e cultural.

Santi Ribera, director xeral de .cat, salientou que os seus dominios de primeiro nivel «son unha ferramenta de marketing moi potente, un identificador e un sinal de identidade que pode beneficiar tanto a empresas como a administracións ou usuarios finais»; mentres que dende a Asociación PuntoGal, Marcus Fernández incidiu en que o desenvolvemento do dominio .gal pode mellorar a presenza da lingua e a cultura de Galicia na Rede.

O xefe de proxecto do dominio .radio, Alain Artero, quixo aportar que o novo programa de dominios de primeiro nivel ten «a capacidade de facer de Internet un sitio máis seguro». Completou a mesa Amadeu Abril (CORE Association), quen sinalou a importancia do punto de vista do usuario final, que agora atopará contidos e espazos desenvolvidos especificamente para a súa comunidade, o que supón unha interesante contribución na súa promoción.

Os participantes na mesa tamén insistiron na necesidade de que ICANN adopte un rol activo para facilitar a viabilidade dos novos dominios de Internet, instando á entidade a emprender distintas iniciativas como instar a Google para que o uso dos novos dominios teñan un reflexo efectivo nos resultados de busca, así como a activar os novos dominios que xa ten para facilitar o uso do buscador por parte dos membros das comunidades detrás dos novos gTLD (ou sexa, que poñan en funcionamento os dominios google.eus e google.gal, e fagan que, por exemplo, os contidos en espazos web co sufixo .gal teñan maior peso nas procuras realizadas polos galegos).