Artigo de Darío Janeiro, Director Xeral de PuntoGal, publicado en A Nosa Rede da AETG-COETG de xullo do 2019  

Os diccionarios sempre son útiles. Algúns prefiren aínda o tacto do papel para facer búsquedas físicas. Outros van directos á versión online. En ambas atoparemos axuda para entender a realidade. Vexamos o que nos di a RAG sobre dous conceptos. Cooperar: xuntar a propia acción, influxo ou medios cos doutro ou outros para acadar en común un determinado fin. Innovar: 1. Facer que algo que estaba usado, vello, etc. resulte novo ou teña máis forza pola incorporación de elementos novos. 2. Introducir algunha novidade nun dominio determinado. En poucos caracteres achamos os ingredientes do cóctel con sabor a futuro de calquera país: innovar a través da cooperación.

Estamos ás portas dun grande cambio no ámbito tecnolóxico. Outro máis. Cada un dos anteriores foi unha promesa cumprida que nos achega aos pronósticos de Manuel Castells cando falaba da sociedade rede. Un camiño no que non está permitido dar a volta, con moitas vantaxes, múltiples retos e non poucos riscos. Desta vez resúmese nunha letra e un número: 5G. Os expertos xa se encargaron de explicarnos as marabillas que trae consigo: máis velocidade, menos latencia e unha gran capacidade para conectar dispostivos. Esta triloxía materializarase en todo tipo de proxectos, con especial repercusión en ámbitos como as cidades conectadas, a nanotecnoloxía, o big data, a medicina, a robótica, o audiovisual, os contidos ou a realidade aumentada. Sen dúbida, ese é un lugar onde queremos estar. Como receptores dos avances pero, sobre todo, como os productores que xeran oportunidades.

Vivimos instalados na modernidade líquida definida polo sociólogo Zygmunt Bauman, onde as realidades do pasado mudan, desestabilízanse, renoméanse: a economía, o traballo, a tecnoloxía, o ocio. Vivimos, si, afeitos a entornos cambiantes e desafíos continuos. Coa 5G a aposta subiu de nivel: é cuestión de xeoestratexia, de política global. Vímolo coa batalla, aparentemente en camiño de solución, entre a administración Trump e a multinacional Huawei. A posición dominante nesta tecnoloxía da empresa chinesa acendeu alarmas non só nos Estados Unidos, senón tamén en Europa. Estas situacións exemplifican ben ás claras a importancia que as TIC acadaron no mundo globalizado.

Nigunha sociedade pode permitirse o luxo de permanecer allea. Hai trens para os que hai que ter billete. Si ou si. Porque, queiramos ou non, as ondas expansivas chegarán, por activa ou por pasiva. Con nós axudando a guiar os mandos ou no furgón de cola, mirando dende atrás o que acontece en primeira clase. Non hai receitas máxicas. Ninguén sabe cal será a aplicación que triunfará dentro dun ano, de seis meses, a vindeira semana. Non sabemos cal será o proxecto tractor determinante,  o campo de especialización que achegará os mellores resultados para unha determinada área xeográfica, o software que convertirá a unha pequena peme na multinacional máis admirada, o plan estratéxico público que cambiará a fisonomía da industria, o contido máis descargado.

O que si coñecemos, sen embargo, son algunhas fórmulas para aumentar as posibilidades. A primeira delas é a vital aposta pola investigación e a innovación. Unha sociedade que non traballe xa decididamente neste obxectivo quedará fóra do mapa. Só poderemos avanzar con novas ideas no ámbito da creación, dos contidos, da tecnoloxía, da xestión, da organización, do marketing. En cada un deles hai que facer un esforzo de país. Un movemento que involucre ás administracións públicas, ás empresas privadas, ás asociacións empresariais, aos colectivos profesionais, aos centros de investigación e ás universidades.

A segunda é a cooperación. É moi complicado que unha única empresa, un único departamento dunha facultade, por si mesmos, consigan unha aplicación killer para a 5G. A maneira óptima de facelo é colaborando con outras empresas ou institucións. Mesmo haberá que coopetir, ir da man da competencia para un fin concreto. Moitos ollos, moitas mans, moitas intelixencias coordinadas.

Aquí entra en xogo outro actor fundamental: a universidade e os centros de investigación. Na nosa cultura houbo, históricamente, unha reticencia á colaboración entre a iniciativa privada e a pública. O que noutros lugares resultaba natural, aquí costounos entendelo e poñelo en práctica de maneira eficaz. Esa cooperación debe basearse nunha serie de principios éticos no que o obxectivo sexa sempre o avance mutuo, un win-win no que se fale abertamente, con acordos de aproveitamento dos resultados e sen letra pequena.

Finalmente, pero non menos importante, é necesaria a intervención pública, fornecedora de oportunidades dende a perspectiva do tecido empresarial e investigador do país e da súa propia cultura e idiosincracia.

Nestas posicións, e noutras semellantes, debéramos situarnos como sociedade para surfear as novas ondas tecnolóxicas –agora a da 5G, mañá non sabemos cal será- nunha dinámica xeradora de oportunidades.

Ás veces só dende iniciativas plurais é posible acadar obxectivos nun mundo globalizado. En PuntoGal sabemos o que é iso. Cando comezamos a nosa andaina resultaba pouco máis que unha quimera que un lugar como Galicia tivese un dominio propio na rede. Tantos anos despois temos máis de cinco mil rexistros entre empresas, particulares, entidades e administracións. Cada un deses rexistros di que existe un lugar que se chama Galicia e que ten algo que dicir no século XXI. O mesmo que facemos cada vez que participamos como membros de pleno dereito nas reunións da Icann, o organismo que xestiona a rede a nivel internacional, ou que intervimos en foros aos que pertencemos como o que reúne aos dominios culturais, lingüísticos, de rexións e de cidades do que formamos parte. No mundo Icann, Galicia significa algo. E faino porque un día de 2006 moitas persoas e entidades con distintos intereses, fins e funcións decidiu que había que propoñer algo novo e facelo colaborativamente. A esa filosofía, e tamén ao diccionario, aferrámonos dende entón.