A Asociación PuntoGal e a Federación de Librarías de Galicia celebran o Día do Libro agasallando cun desconto no rexistro dun dominio .GAL pola compra dun libro.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016.- PuntoGal, o dominio galego en internet, presenta hoxe unha campaña para celebrar o Día do Libro da man da Federación de Librarías de Galicia. O vindeiro sábado 23 de abril, pola compra dun libro recibiremos unha fita marcadora cun código de desconto polo que o prezo final do rexistro dun .GAL será de 15 euros. Ademais, PuntoGal celebra estes días ter xa 3.000 nomes rexistrados: un logro de toda a sociedade galega. A Asociación PuntoGal e a Federación de Librarías de Galicia presentan no Museo do Pobo (Santiago de Compostela), e baixo o lema Cultiva a lectura, a celebración do Día do Libro. Coa colaboración de Galicia Calidade, as librarías galegas teñen 38000 marcadores para repartir a partir do vindeiro 23 de abril. Quen merque un libro ese día recibe como agasallo unha fita marcadora que leva impreso un código co que se consigue o rexistro dun dominio .GAL por só 15 euros. A promoción esténdese ata o 31 de xullo e debemos dirixirnos a unha das tres empresas rexistradoras que participan: Dinahosting, Entorno Digital e Blacknight. Toda a información pódese atopar na web do dominio .GAL: www.dominio.gal/promocions/. PuntoGal e a Federación de Librarías recórdannos a importancia da lectura á vez que nos agasallan con este importante desconto.

PuntoGal é unha entidade sen ánimo de lucro que ten o compromiso de reinvestir os beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. Nestes momentos centra os seus esforzos en informar e dar a coñecer as vantaxes de utilizar un dominio .GAL como sinal de identidade da comunidade galega en internet. Así, esta colaboración entre a Asociación Puntogal e a Federación de Librarías de Galicia, xunto con Galicia Calidade é a primeira de moitas iniciativas para achegar á nosa sociedade o dominio galego en internet. Pronto haberá outras promocións sectoriais con asociacións culturais e profesionais así coma convenios con diferentes entidades para que a cultura en internet teña o apelido .GAL e ir, pouco a pouco, aumentando ese número de 3000 dominios rexistrados ao que acabamos de chegar nestes días.

PuntoGal agradece, coma sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto. O dominio é voso!