Darío Janeiro Director xeral do dominio PuntoGal

Montreal é unha cidade aberta onde o estilo de vida europeo místurase co americano. Xa só por ese motivo, é un lugar axeitado para acoller a multitudinaria xuntanza xeral anual da Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números (Icann, nas súas siglas en inglés) e abordar algúns dos temas que preocupan nesta comunidade tan diversa: a protección de datos, a loita contra o uso ilícito dos dominios, a xestión das marcas, a penetración da rede nas zonas menos desenvolvidas, as novas rondas de dominios, a omnipresenza de Google, a implantación do protocolo de internet IPv6, os cambios de hábitos dos usuarios coas redes sociais, a compatibilidade dos desenvolvementos de software con todos os novos tipos de dominios, os retos tecnolóxicos, a mercantilización da rede ou o negocio que xenera o sector. Neste gran foro participan, opinan e deciden representantes de gobernos, empresas TIC, expertos, activistas, multinacionais, compañías rexistradoras, xornalistas e rexistros que manexan dominios de todo o planeta.

Os arredor de 1.700 congresistas inscritos na xuntanza celebrada o pasado novembro en Canadá, a número 66 que celebra a organización, traballaron durante unha semana sobre problemáticas relacionadas fundamentalmente coa seguridade. Un dos temas chave é a busca da mellor maneira de loitar contra o abuse, as técnicas maliciosas que empregan empresas ou particulares para rexistrar dominios e utilizalos para prácticas publicitarias ou comerciais ilícitas. Este é un problema no que está involucrada toda a comunidade a través de tres liñas mestras: a protección do consumidor, a prevención das actividades ilegais e o mantemento da estabilidade e seguridade do sistema de nomes de dominio. A preocupación cada vez máis crecente sobre o spam, o malware, o cibercrime, o ciberbulling ou os distintos tipos de vandalismo na rede afectan de forma directa á súa gobernanza. Por este motivo, realízanse de maneira periódica auditorías de seguridade aos rexistros e estes, á súa vez, teñen a obriga de vixiar para que os seus dominios non se empreguen para este tipo de actividades.

Outra cuestión relevante ten que ver coa aplicación do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea (GDPR, ano 2018), que reforza e unifica o uso da información persoal dentro da UE pero que tamén aplica á exportación de ditos datos fóra das súas fronteiras. O GDPR afecta a como as organizacións e as empresas almacenan, procesan, acceden, transfiren ou divulgan eses contidos. Froito da aprobación desta normativa, Icann viuse obrigada a reformar as súas políticas de protección de datos e aplicar novas directivas, nas que aínda se segue a traballar. Unha das discusións refírese a como terceiras partes poden acceder ou non, e baixo que condicións, á información sobre as persoas ou entidades que rexistran un dominio. As políticas que se debaten actualmente céntranse en definir de maneira clara como debe ser a recolección de datos, a transferencia de información entre o rexistro (que xestiona o domino) e o rexistrador (que é quen o comercializa) ou a publicación dos datos rexistrados.

Nas xuntanzas analízase tamén a evolución e as amenazas sobre o sistema de dominios. Segundo o informe periódico de Verising, na segunda metade de 2019, o número total de rexistros dos novos dominios chegou aos 23 millóns. Neste grupo, os que manteñen un parque máis grande son .top (13,7%), .xyz (9%), .site (5,7%), .club (5,1%) ou .online (4,9%). En canto aos dominios xeográficos, os máis populares, sobre o total de dominios deste subtipo, son .tokyo (14,2%), .nyc (9,4%), .berlin (6,9%), .london (6,9%), .bayern (4,3%), .koeln (3,9%) e .amsterdam (3,9%).

En calquera caso, estas cifras son pequenas fronte ás que manexan as extensións máis populares. No top 10 destas seguen estando .com (142,5 millóns), .cn (de China, 23 millóns), .tk (de Tokelau, 22,5 millóns), .de (Alemaña, 16,2 millóns), .net (13,6 millóns), .uk (Reino Unido, 13,3 millóns), .org (10 millóns), .tw (6,5 millóns), .nl (Países Baixos, 5,9 millóns) e .ru (Rusia, 5,7 millóns).

Se ben o número de páxinas en internet segue crecendo a bo ritmo, nos grupos debátese sobre como será o futuro das páxinas web ante o crecemento exponencial das redes sociais, a mercantilización da rede, as novas formas de usar Google, o uso maioritario dos dispositivos móbiles para navegar ou a chegada dos asistentes persoais tipo Alexa. A iso hai que sumarlle a incerteza global sobre unha posible nova crise económica. Neste escenario, os dominos seguen tendo fortalezas importantes como, por exemplo, a súa capacidade de ser identificadores verificados da identidade dos seus propietarios.

Icann é, en resumo, un organismo complexo, cun funcionamento no que se integran os distintos grupos a través de comisións e que toma decisións en procedementos longos, ás veces non exentos de polémica e disconformidades por parte dos seus propios membros. Pero, a día de hoxe, é a entidade que decide nesta industria. A existencia de PuntoGal permítelle a Galicia estar presente neses foros e aportar o seu punto de vista específico de dominio sen ánimo de lucro para unha comunidade cultural e lingüística.

A participación de .gal neste tipo de ámbitos abrangue, ademáis, outros ámbitos. Por exemplo, forma parte dende hai varios anos do Geotld Group, a organización que reúne aos dominios xeográficos e culturais. Neste clube están representados, entre outros, .paris, .alsace, .bzh, .bayern, .scot., .cat, . eus, .tokyo, .istanbul, .quebec, .london ou .africa, por citar algúns deles. A actividade do grupo céntrase en construir políticas de defensa das comunidades dentro da industria global da rede e en crear ferramentas comúns que axuden ao desenvolvemento dos seus membros.

PuntoGal conseguiu que, por vez primeira, a xuntanza deste club se realizase en Santiago. Nas sesións abordáronse cuestións como a mencionada protección de datos, a seguridade da rede, as políticas de prezos e marketing ou as perspectivas de futuro do mercado dos dominios. Pero a celebración da xuntanza en Compostela serviu sobre todo para visibilizar a Galicia dentro do sector e dar coñecer as súas apostas pola innovación no ámbito das TIC.

Coa fin de seguir afondando nesta liña de traballo, PuntoGal entrará a formar parte en 2020 do gLTD Registries Stakeholder Group, entidade que representa os intereses de todos os rexistros.

Finalmente, o dominio galego tamén ten presenza noutro grupo que coordina actividades entre os dominios do Estado. Neste ámbito, .gal colabora con .eus, .cat, .barcelona e .madrid na construcción de políticas comerciais, reunións con rexistradores ou proxectos corporativos a medio e longo prazo.

O obxectivo do dominio galego é, polo tanto, seguir participando de forma activa nos distintos foros de gobernanza da rede. Desta maneira, as liñas de actuación de PuntoGal abranguen tres ámbitos: o crecemento e expansión do dominio, actualmente con 5.200 rexistros; o plan social corporativo de apoio a actividades e proxectos da lingua, a cultura e as TIC; e a representación nos órganos que deciden o futuro da Internet.