Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2017.- PuntoGal, o dominio galego en internet, aproveita o Black Friday deste ano, o 24 de novembro, para ofrecer os seus dominios a tan só 5 euros máis IVE. Esta promoción estará aberta ata o Cyber Monday, o día 27. Para poder mercar os .gal a este prezo tan reducido haberá que acudir, como sempre, ás páxinas dos rexistradores acreditados que participan nesta acción.

Na web http://dominio.gal/promotion/ está toda a información e un resumo do ofertado polas diferentes empresas rexistradoras.  Nesta ocasión participan Dinahosting, Entorno Digital, CoreHub, CdMon, Nominalia e Arsys. No caso de Dinahosting, o desconto en prezo vai acompañado dunha oferta propia do rexistrador galego no seu paquete de hosting especial, cos hosting a menos da metade de prezo e máis descontos nos servizos dedicados.

A promoción forma parte das accións acordadas cos rexistradores que traballan habitualmente con PuntoGal, cos cales o dominio mantivo unha reunión de traballo en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Nesa xuntanza, na que tamén estiveron presentes os rexistros .eus (Euskadi) e .barcelona e .cat (Cataluña) propuxéronse distintas liñas de colaboración para optimizar a comercialización dos dominios.

PuntoGal, que conta a día de hoxe con máis de 4.200 dominios, finaliza con esta oferta as súas promocións do ano 2017. A anterior acción foi a realizada en colaboración co Museo do Pobo Galego co gallo do seu corenta aniversario. Sen embargo, o dominio participará antes de fin de ano noutras actividades. Unha das máis destacadas será a participación no mes de decembro na feira Culturgal en Pontevedra, onde terá stand propio por terceiro ano consecutivo.

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto. O dominio é voso.