Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016.- A Asociación PuntoGal ven de chegar a un acordo de patrocinio co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

O 30 de setembro celébrase a XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, da que PuntoGal será un dos 34 patrocinadores. Este ano a noite está dedicada ás Industrias 4.0 onde queren destacar “a importancia da integración de sectores tan estratéxicos como o económico, servizos e industrial coa sociedade tecnolóxica, en aras dunha nova economía dixital e sustentable”.

O evento celebrarase no Gran Hotel de A Toxa e a acudirán unha ampla representación do sector TIC de Galicia. A actriz Carmen Méndez será a presentadora e tamén intervirá o actor e monologuista Carlos Blanco, e nela se presentarán os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016.

Esta colaboración da Asociación PuntoGal co COETG achegará aos enxeñeiros e enxeñeiras un desconto no rexistro dos dominios .gal. Trátase da primeira iniciativa de colaboración que será seguida por outras con diferentes asociacións profesionais e culturais galegas.

PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común traballando porque sexa de todos e todas. O dominio é voso.